OS líderes da coalición falan do novo goberno, agachados nun salón do Hostal do Obradoiro de Santiago: Touriño: « Bueno , Anxo, agora que xa hemos repartido as consellerías, temos que debatir un tema de Estado muy serio: ¿retiramos a Os Tonechos da parrilla da TVG ou deixámolos estar?». Quintana (con rostro de fondísima reflexión): «Hmm... Sen dúbida é unha teima importante para un desenrolo san deste país. Eu coido que o humor dos Tonechos non reflicte a realidade do tecido social da Galiza de hoxe. Ademais, non podemos esquecer que foron nomeados polo PP. Por tanto, é un humor regresivo, pouco axeitado para construir un país novo». T: « De aquella, ¿tú que propós no seu lugar?». Q: «Creo que unha fermosa posibilidade sería substituír a Os Tonechos por unha serie de debuxos animados baseados nas viñetas do pai Castelao». T: «Hmm... E non sería máis edificante unha tertulia de media hora na que, dun xeito irónico, Suso de Toro e Manolo Rivas falasen da problemática do país». Q: «Sen dúbida parece unha boa proposta. Pero eu penso que estes dous mestres deberían adicarse full-time a escribir o guión dunha versión galega de Braveheart , que dun xeito metafórico reflectise a inesquecíbel loita de Allariz e dese pé á primeira longametraxe do novo cinema galego». T: «¿E tería audiencia?». Q: «Iso é o de menos. Hai que facer país». T: «Mira, case mellor imos deixar Os Tonechos...».