Valor científico

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

20 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ONTE pola mañá, na aldea cantaba o cuco. Cantaba raro. Pero cantaba. Como a miña cultura rural é recente e teño carencias obxectivas ao respecto, chamei a un amigo para que me orientase. «¿Como é o cantar?», interrogoume. «¿Canta seguido? ¿Fai paradiñas? ¿Empezou cedo? ¿Segue cantando aínda?». Cantaba raro, repito. A pesar do sol, que era radiante, empezaba e paraba, e logo volvía empezar, e cambiaba de sitio, como quen non dá cun acougo. «¿Ti como o ves?», pregunteille ao especialista, bastante máis experto ca min nesta clase de lerios. «Fala con Blanco, que manexa información de primeira man. Métodos científicos». «¿E o de Mariano?». «¿Corenta e dous escanos? ¿Pero non ves que é unha intoxicación? Están desesperados...». Logo faloume das israelitas . As israelitas son prospeccións que se fan a pé de urna, axiña os electores saen dos colexios, e coas que os expertos elaboran cálculos disque bastante aproximados. «¿Que din as israelitas? », pregunto, cando xa a xornada vai ben andada. «35-26-14. Mallado. Con variacións mínimas cadran todas: o Instituto Opina, Demoscopia, Eco Consulting, Sondaxe... A maioría absoluta do PP é imposible, e sen maioría absoluta non hai goberno». «¿Estás seguro?». Eu seguía preocupado polo canto do cuco. ontra o mediodía parara a música e pola tarde xa non se sentía un chío, como se o engulise a floresta. Os amigos de Radio Voz metéronme no estudo ás 19.45 horas, quince minutos antes de que concluíse a xornada electoral. As sondaxes a pé de urna enlouquecían: 34-25-16 (Sondaxe), 35-24-16 (Eco Consulting), 33-27-15 (Opina)... Pero eu seguía co demo do cuco. Non se me ía do pensamento. «Canta o cuco e entra a alegría», dixérame o vello do lugar. Non me dixo para quén entraba a alegría. Nin tampouco cómo tiña que ser o cantar. Non sempre o cuco canta da mesma maneira nin, polo visto, todos os cucos cantan igual. A noite avanza e o meu amigo desespera. Escrutado o cento por cento dos votos, o resultado é xa practicamente inamovible: 37-25-13, a un escano de maioría absoluta. O 38 discútese na provincia de Pontevedra e perderíao o PSdeG-PSOE, que quedaría con 24. Tal como algúns sospeitabamos, as eleccións van ter repesca, ou reválida, ou revoda, segundo lle queiramos dicir. En Buenos Aires, en Montevideo, en Caracas a nación dos galegos tamén fala. ¿Como cantaría o cuco esta mañá nas arboledas de Palermo ou na Recoleta? ¿Para quen cantaría? Acépteme o lector este punto de humor na noite electoral, que tampouco é a primeira. Chove sobre mollado. Acéptenmo tamén os especialistas. Diante da nosa especificidade nacional, diante da nosa complexa (e riquísima) idiosincrasia, diante das mil primaveras que, a pesar de todo, habemos seguir soñando e imaxinando xuntos, hai que empezar a reivindicar o valor científico do canto do cuco. El si sabía o que estaba pasando. Eramos nós, que non nos enteirabamos.