UN TEN o costume de ver as enquisas electorais todas por xunto. Parar nos resultados, cando máis, por provincias, e botar unha ollada por riba á distribución do voto segundo o grupo de idade. Esa era o costume. Mais cando reparei na ultima enquisa de Sondaxe decateime da miña pertenza a unha xeración na que sempre estiven nunha extraordinaria minoría: o tercio disidente do meu grupo de idade que ten decidido non votar ao PP. Foi unha revelación da idade a que un chegou, e da configuración desta sociedade . Sabendo ben desta Galicia, onde un naceu e escolleu vivir, non deixa de sorprender a teimosa e maioritaria fidelidade dos nacidos na primeira metade do século XX a unha opción política conservadora que gobernándonos durante todo un tempo histórico cheo de oportunidades, tales como a estabilidade democrática e a entrada na Unión Europea, apenas conseguiu mantérmonos no bordeline das rexións Obxectivo 1, mantenza configurada coma estratexia de toda unha política económica, activa ou de se deixar ir. A instauración da democracia en Galicia deu nunha continuidade histórica e sociolóxica co franquismo. Tódalas eleccións dende entón foron gañadas polo centro-dereita. Resultados acaídos coa realidade socio-política desta sociedade, mais tamén explicábeis polas estratexias desenvolvidas polas diferentes forzas políticas, para ben ou peor. Resultados que se foron transformando segundo foi o evolucionar da propia sociedade e o desen-volvemento cada vez máis urbano da maior parte da poboación. Transformación que xa leva tempo que se deixou ver no voto municipal neses entornos urbanos, e tamén na mobilización reivindicativa do Prestige, ou naquela mobilización electoral do 14 de marzo. Mobilizacións, unha e outra, indicadoras desa transformación lenta e firme que se pode atopar na enquisa de Sondaxe. Entramos nunha campaña electoral na que o devalo do grupo de poboación no que me atopo, xunto cunha transformación profunda na opción e na percepción politica daqueles outros grupos de votantes galegos máis novos, ofrecen unhas expectativas certas de cambio de goberno. Prediccións que reconfortan: Anos de disidencia e minorías que agora seica poderán, acordos por medio, decidir. E, se cadra, acertar.