UN ESTUDIO do Foro Económico Mundial sobre 58 países respecto á igualdade de homes e mulleres sitúa a España no vergonzoso posto 22 entre os trinta países máis desenvolvidos. Como pasou co informe Pisa sobre educación, todo o mundo se avergonza e trátase de poñer remedio a unha situación que prexudica a nosa imaxe internacional. Fálase de modificar as leis do mercado para facer compatible a vida familiar e laboral. Iso é un primeiro e importante paso. Ao longo dun século a muller pasou de ser unha ignorante sen a penas estudios a incorporarse a todas as disciplinas das Ciencias e das Letras. As mulleres, tan pronto como lles deron a oportunidade, cumpliron a súa parte para lograr unha igualdade social. Afrontaron burlas, aguantaron a hostilidade do entorno, superaron toda clase de obstáculos para converterse en médicas, arquitectas, profesoras, maxistradas, soldados, policías, bombeiras... A sociedade acabou aceptándoas porque economicamente esa incorporación era beneficiosa. Pero recordemos que as mulleres que traballaban en fábricas durante as guerras mundiais foron despedidas para deixar o posto aos homes cando a guerra acabou. Agora está sucedendo algo parecido. Non se pode despedir a unha muller por pedir un permiso de maternidade ou un horario reducido para atender aos fillos, pero pódense bloquear de maneira definitiva as súas expectativas laborais. Ter unha familia equivale a renunciar á promoción no traballo. E, como no 90% dos casos esa renuncia faina a muller, as empresas prefiren para postos de importancia aos homes. As leis que favorezan a vida familiar axudarán a superar esta situación, pero o fundamental é que cambie a mentalidade masculina. Eso ten que comenzar na casa e na escola. E, por desgracia, é un cambio lento. Cando os homes pidan de forma habitual permisos de paternidade e horarios reducidos para cuidar da súa prole, a igualdade chegará de seu. O anxo do fogar non ten sexo. Todo é cuestion de hábitos.