Museos

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

TODAS AS cidades teñen uns espacios reservados exclusivamente para o acto de recordar. Son lugares silenciosos onde todo se explica por medio da palabra escrita, e cada cousa, cada obxecto, ten ao lado un cartel onde se nos di o que é ou o que foi. Moitos destes lugares para recordar están fortemente financiados polo Estado, moitos outros son propiedade de empresas privadas ou patronatos interesados en que lembremos determinadas cousas. Estes lugares para recordar son os museos, que onte celebraban o seu Día Mundial. Os historiadores non se poñen de acordo en se o museo naceu dos obxectos que se expuñan nos templos gregos ou romanos ou se naceu en cambio da exhibición impúdica dos botíns de guerra, pero cando un pon os pés nun pode percibir ambas cousas: a vertíxine case relixiosa perante uns obxectos que nos comunican co alén, cos seus donos xa desaparecidos, e tamén o impulso instintivo do saqueador, ese impulso que acabou pacificándose, afortunadamente, no afán do coleccionista. Desde o antigo museo da Biblioteca de Alexandría ata os tesouros catedralicios onde se amorean as máis estrañas reliquias dos santos, plumas de anxos e fragmentos da Vera Cruz. Desde os gabineti barrocos de monstruosidades (cousas dignas de ser mostradas ) ata a atmósfera fresca e escura das pinacotecas do século XVIII ou os parques temáticos da actualidade, o ser humano foi dedicando cada vez máis espacio a recordar. Algunhas cousas foron cambiando: un motín, a Revolución Francesa, converteu o Louvre no primeiro museo aberto ao público e gratuíto. Da arquitectura dos templos, cos seus frontóns e columnas dóricas e xónicas, pasouse á arquitectura dos bancos (o MOMA de Nova York, por exemplo, que ten a forma dunha cámara acoirazada). Pero no esencial a idea é a mesma, a que expresou en forma de fábula García Márquez en Cien años de soledad, cando os habitantes de Macondo sofren unha estraña epidemia que lles fai ir esquecendo as cousas e deciden ir gardando obxectos con etiquetas nas que escriben o que son e para qué serven. Onte celebraban o seu Día Mundial estes lugares para recordar, estes museos, onde dormen en vitrinas os botíns de cen mil guerras, os ósos de dinosauro, as momias, os reloxos, as ánforas rotas, as moedas, e todo o que non foi parar, como a maioría das cousas, a ese outro museo moito máis grande que é o esquecemento.