NO PASADO MES de xaneiro, Benigno Amor Barreiro, coordinador da Asociación Gallega de la Propiedad Balnearia, remitiume unha carta na que solicitaba a axuda da Amiga do lector para que La Voz deixase de empregar o termo balneario de forma incorrecta. Dicía que dabamos aos denominados spa o tratamento de balneario urbano . Como, a pesares das xestións que fixen daquela na Redacción, seguimos a empregar dita palabra de forma poco axeitada, o representante da Asociación envioume outra carta, na que engade que, ademais dos spa , tamén nos referimos aos centros de talasoterapia como balnearios. «A última confusión foi -di Amor- o día 9 na sección de Deportes. Baixo o encabezamento "El equipo puede realizar una sesión en un balneario", infórmase: "La plantilla del Celta puede acudir un día de esta semana al balneario Talaso Atlántico, en Baiona". O Talaso Atlántico de Baiona é un moderno e elegante centro de talasoterapia, pero non é un balneario». Hidroterapia Hoxe en día son numerosos os termos e mais as técnicas baseadas en tratamentos con auga. Recorro aos coñecementos do doutor Fausto Galdo, xefe do Servizo de Reumatoloxía do Hospital Juan Canalejo de A Coruña, que fixo unha tese co título Introducción á historia das augas minerais de Galicia . «A hidroterapia, un dos máis antigos tratamentos das enfermidades e que segue en plena vixencia, é -di o doutor Galdo- a aplicación da auga como medio curativo. A súa utilidade reside nas características da auga como vehículo para transmitir temperatura, aplicar os elementos que mantén en suspensión sobre a propia pel, ou para a súa absorción, ao tempo que é un medio idóneo para realizar exercicios nela. »Entendemos por balneoterapia o uso das augas mineromedicinais presentes na natureza ás que se recoñecen determinadas características, ben pola composición dos elementos minerais e orgánicos en disolución, ben pola súa temperatura, considerados útiles para a curación de diversas enfermidades para as que existen indicacións específicas rexistradas en Sanidade. »A súa aplicación en calquera das formas deberá realizarse na proximidade do manancial, na constancia de que a meirande parte dos beneficios da cura se incrementan no entorno termal, é dicir, no propio balneario. »Un dos máis célebres balnearios europeos, o da cidade belga de Spa, precursor das novas técnicas de hidroterapia, é a orixe do termo SPA ( saúde por auga ). Este coincide coas siglas procedentes do latín, e mesmo con spa , que en inglés significa 'balneario', e dá nome aos centros hidroterápicos que se prodigan polas nosas cidades con fins curativos ou de beleza, con instalacións tan gratas e imaxinativas, con conceptos na aplicación da hidroterapia ás veces máis avanzados que os propios balnearios. Estes centros SPA ou spa carecen das propiedades curativas da auga mineromedicinal e do chamado entorno termal. »A talasoterapia utiliza a auga do mar e os seus elementos -areas, algas, barro e plancto- como tratamento médico, de relax, beleza... Para iso aplícanse as técnicas hidroterápicas máis avanzadas en instalacións costeiras, moi populares no sur de Francia desde finais do século XIX, e que agora proliferan nas nosas costas. »O único que teñen en común estes tres modelos é o uso da auga, aínda que as súas características e indicacións os diferencian claramente. Os balnearios son establecementos sanitarios, mantidos no lugar no que xorden e coidando o entorno termal. Ademais son os únicos autorizados para os tratamentos da balneoterapia indicados nas diversas enfermidades. Os spa e os centros de talasoterapia están concibidos para o relax e neles pódense tratar algúns trastornos físicos ou musculares. »O grande pulo que todas as formas de hidroterapia teñen agora fai realidade o de "Galicia, paraíso das augas", que dixo Fermín Bouza-Brey. Isto reflíctese na importante actualización dos balnearios galegos, que están a adquirir un grande nivel turístico e hosteleiro». Como remate di Fausto Galdo:«En canto á utilización da auga como medio curativo para determinadas enfermidades, non hai dúbida, só os balnearios». Como conclusión pódese dicir que a diferenza está na agua. Mentres os balnearios utilizan augas mineromedicinais, os spa empregan auga corrente, e os centros de talasoterapia, auga do mar. Polo tanto, non hai que confundir os termos, como di Amor Barreiro. Pero estamos ante unha nova realidade, a dos SPA ou spa , que non teñen, polo de agora, unha forma propia en castelán. Atopamos en Internet para estes centros moitas máis mencións como balneario urbano que como spa . As alternativas que se nos presentan, centros de hidroterapia , centros de salud por agua ..., antóllansenos expresións longas dabondo para que teñan éxito na lenguaxe periodística. Quizais, por mor do seu uso, a palabra spa poida derivar en espá . Entre tanto non nos produce arrepío caer no anglicismo e utilizar spa . E tampouco, a teor do emprego na linguaxe cotiá e aínda que non sexa correcta, balneario urbano como sinónimo.