ABRAIÁBANSE algúns onte, ó coñecer a historia: acosado polas sospeitas, o presidente dos españois víctimas dos campos nazis recoñecía non ter estado nunca nun deses campos, simplemente inventara toda a súa historia. «¿Cómo puido ter enganado a tanta xente durante trinta anos?», preguntábase a xente, cando, en realidade, isto quizais sexa o máis explicable deste triste asunto. A verdade é case sempre máis tráxica que a ficción pero case nunca máis interesante. Sen o obstáculo da memoria e da desmemoria, este home podía lembrar coa imaxinación, incorporando no seu relato os retallos que ía absorbendo de películas, de novelas, de libros e confesións de outros. Por iso as súas conferencias eran as máis conmovedoras. Por iso a súa intervención no Congreso dos deputados, o xaneiro pasado, na homenaxe ós españois que loitaron contra Hitler, foi a máis emotiva. Describiu cómo os soldados nazis os facían baixar dos vagóns, iluminados polas luces das lanternas, como separaban a mulleres e nenos por un lado e homes polo outro, os berros na noite dos que non podía soportar máis, os cans que lles ladraban. Era mentira e non o era, porque a mentira que este home contaba foi verdade para moitos outros. Este home, simplemente, inventara a súa historia a finais dos anos setenta, no río revolto da transición española. Entón, mentres algúns facían esforzos por esquecer as cousas que realmente fixeran, Enric decidiu lembrar o que non sucedera nunca e imaxinarse outro. Escribiu un libro e empezou a pronunciar conferencias xusto no momento en que aquela serie norteamericana, Holocausto, convertía o asasinato en masa nun espectáculo de masas. É comprensible a devastación dos outros superviventes e as súas familias, pero o temor de que isto dea pábulo ós que negan o Holocausto quizais sexa esaxerado: só son unha minoría os que descrén, e é a causa dun prexuízo, non dun razoamento con probas. Os campos existiron e os mortos existiron, que dúbida cabe. Eses cans que lles ladraban ós presos ó chegar ó campo estaban alí en realidade, aínda que este home non estivese alí para escoitalos. Esta noite é moi probable que si os escoite, perseguíndoo a el como as furias que no teatro grego perseguían ós culpables. Compadézome deste home, porque esta noite, cando peche os ollos, si estará por primeira vez en Mauthausen.