Corzos e peluches

OPINIÓN

XA DICIAMOS aquí que a morte violenta daquel corzo a mans de Fraga ó comezo da campaña electoral non anunciaba nada bo (Si, temos que falar outra vez do corzo). Como lembrarán, Don Manuel matara o bicho para demostrar que estaba en boas condicións físicas para gobernar Galicia e nós dicíamos que iso non estaba ben, que a virtude primordial dun presidente da Xunta tiña que ser o diálogo, non a puntería (aínda que tampouco suxeriamos que dialogase co corzo, senón coa oposición). Afearámoslle a Fraga, digo, isto que podíamos describir como violencia de especie (xa que non de xénero nin de número), pero intuiamos que o exemplo íase estender, porque a política ten un forte compoñente imitativo. E aí temos ao líder da oposición, Emilio Pérez Touriño, entrando en competición, non xa política senón tamén venatoria, co presidente. Cada político ten a súa idiosincrasia e Touriño, que procede dunha tradición diferente da de Fraga, escolleu unha forma de caza máis tranquila, o que é de agradecer en nome dos corzos: foi ás festas da Ascensión en Santiago a tirarlle ás barracas. Non lle foi mal: botou abaixo a escintilante pirámide de latas de aluminio dun golpe certeiro. Ou iso é o que di el, porque igual que non hai testemuñas imparciais de que o corzo de Fraga estivese a «trescentos metros», tampouco aquí sabemos se Touriño non gastaría cen euros en pelotas de trapo antes de cobrar peza. En todo caso, cobrouna: un boneco de peluche que lucirá nestes momentos nunha panoplia sobre a cheminea da casa do político socialista. Temíamonos que se ía desatar esta carreira de armamentos entre os candidatos, que seguramente irá a peor consonte nos acheguemos á recta final da campaña. E creo que é un erro por parte da oposición o de aceptar librar o combate nestes termos marcados por Fraga. Se lle deixan escoller arma, Fraga escolle cartucho de postas e as infraestructuras, porque é no xénero do plebiscito onde se sinte máis cómodo. Aí está o tanteo para demostralo: Fraga, un corzo; Touriño, un peluche... (Canto a Quintana, aínda non parece que cazase nada, se acaso a un compañeiro de partido, Beiras, que é outra caza na que Fraga é moi superior). E, en fin, aí están as enquisas que parecen indicar que, aínda que desta maneira caian peluches, os tiros da oposición deberían ir ó mellor por outro lado. Claro que a cousa acaba de empezar.