XOSÉ CARLOS CANEIRO | O |
04 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.TODO cambia pero Fraga permanece. Así, mentres Benegá e Pesoe dirimen a verosimilitude do seu retrato, el, como un centurión, desfila acariñado polas enquisas que crecen no entorno electoral do Pepé. A foto de Fraga xa forma parte da idiosincrasia galaica. Como o Camiño de Santiago, a gaita, o marisco, a marmaña que molla as pedras de Compostela, Rosalía, o Prestige e o Nunca Máis. Símbolos do que somos. Para ben e para mal. A Fragaphoto é un icono do Noroeste: unha representación de Nós no mundo. Galicia é unha taza de Ribeiro e unha fotografía de Fraga. Dentro de catro anos, cando don Manuel se suceda a si mesmo como candidato do Pepé, volverase falar do mesmo. O Pepé ganará a partida do márquetin e ningún Capmany, publicista de ZP, ousará cruzar o río Lethes para enfrontarse ao centurión de Vilalba. Aumentará, o Pepé, a súa intención de voto. Falarán de Magdalena, do Plan Galicia, dos hospitais, estradas, escolas. Así, mentres o Benegá procura unha luz no horizonte (azul como os ollos de Beiras) e o Pesoe presume de Zapatero e logotipo PT (Presidente Touriño), o Partido Popular ocupa portadas e titulares. É o meiguizo da Fragaphoto. Un sortilexio. Porque todo cambia... pero Fraga permanece. Y punto.