AS ESTATÍSTICAS din que non, que o traballo non é seguro: 87 traballadores perderon a vida durante a xornada de traballo e 37 in itinire. Son os datos de Galicia do ano 2004. E a morte nos accidentes laborais é selectiva porque non se produce de forma indiscriminada. Afecta a quen ten máis papeletas : as da falta de formación e información, as da falta de medios, as da falta de cultura preventiva e as da incapacidade de reivindicación de dereitos. E ¿onde ten lugar o sorteo?: case sempre na precariedade laboral. As casualidades non existen, existe a falta de aplicación de normas por parte dos empresarios, a degradación do mercado laboral, o mantemento dunha taxa de temporalidade que triplica a media da UE, o uso abusivo da subcontratación e o insuficiente compromiso político das administracións, que fan que a accidentalidade laboral teña unha especial incidencia no colectivo máis afectado pola precariedade e, polo tanto, o máis vulnerable: a mocidade. Levamos dez anos CC.OO. e UGT, xunto coa Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOSL), celebrando o 28 de abril como Día Internacional da Seguridade e Saúde no Traballo, e levamos dez anos esperando reducir o número de vítimas por accidentes, mortais ou con graves secuelas. Pero a teimosía das cifras deixa poucos ocos ao optimismo. A redución é case insignificante. Aínda moitos empresarios -cunha miopía impropia de quen pretenda denominarse así- cuantifican o custo económico a curto prazo da implantación de medidas preventivas. Aínda a Xunta de Galicia non atendeu as demandas dos sindicatos de crear a figura do delegado de prevención sectorial ou territorial. E aínda o Ministerio de Traballo non dotou as inspeccións provinciais de medios humanos e técnicos suficientes para exerceren as súas funcións inspectoras e sancionadoras. O pasado venres 22, o Consello de Ministros debateu un proxecto acordado na Mesa do Diálogo Social, no que se abordan as reformas pendentes para acadar os obxectivos fixados. Entre elas: o recoñecemento de todas as enfermidades profesionais, a reforma do regulamento dos servizos de prevención, a reforma do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo e, finalmente, a reforma das mutuas para que de verdade sexan un instrumento eficaz de prevención e protección da saúde no traballo. O 28 de abril do ano 2006 faremos de novo balance.