Sara Jess

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

27 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ELA escribe cartas que el nunca recibe. Falan desta columna solitaria: Club melancolía. Anda no mundo ese de internet, blog a blog, e escribe palabras que son poemas. En internet hai de todo. Está o imbécil da esquina que escribe para os imbéciles da esquina. O reprimido que en vez de meterse nas páxinas porno practica a arte de Onán coas palabras. Está o liprepensador. En internet encontras caricias e, ás veces, un can que morde a túa alma. Bolsa, viaxes, libros de ocasión, libros que non teñen ocasión, noticias. Internet debía chegar ao labrego que leva o transistor á leira. Escoita a Jiménez Losantos e unha úlcera pártelle as entrañas: don Federico, repiten os seus acólitos. Despois, o labrego, coloca música lata. Máis tarde, escoita a un cantante andaluz que non sabe que o labrego existe. É o último labrego. Galiza desertízase, di La Voz. Pero Fraga reclama que nos manifestemos (¿por que non nos manifestamos a favor da poesía?). Todo está en internet. Incluso aparece o caderno de bitácora que ela escribe. El non a coñece. Non a vai coñecer nunca. Son personaxes de novela. Son poemas: o blog de Sara Jess. Sabe, coma ti, que a soidade é unha nave que regresa. Leva o nome na proa. Chámase futuro.