Limbo

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

EN GALICIA non hai política, o que hai é demografía. Por iso máis que sondaxes de opinión, que de todas formas son pouco de fiar para un pobo tan evasivo, cando se trata de Galicia os politólogos miran a pirámide poboacional porque aí está, escano arriba escano abaixo, a composición do Parlamento do Hórreo. O que importa, en definitiva, non é o censo electoral senón o rexistro parroquial, e o combate político non se libra entre dereitas e esquerdas (sexa iso o que sexa nun sitio como Galicia) senón entre natalicios e óbitos. Isto é o que se deduce dos cálculos que publica La Voz, nos que se ve que ata certa idade os votantes son todos dun partido a partir doutra son do outro. Igual que unha vez lle escoitei a un estatístico dicir que o neoiorquino tipo «nace portorricano e morre protestante e anglosaxón», o galego tipo nace do Bloque ou do PSdeG-PSOE e morre militando no PPdeG. Consecuentemente, o problema de Fraga non é tanto que os votantes lle voten como que non lle morran, e o problema de Quintana e Touriño que lles nazan. Nese conflicto de dimensións épicas entre a vida e morte, e non na mesquidande dos mitins, é onde se decide quen vai presidir a Xunta. Por desgracia para o Bloque, non se pode apropiar das políticas natalistas da dereita e promover, digamos, premios de natalidade. Si podería intentar elaborar unha mensaxe convincente para os avós dos seus pequenos votantes, pero por algunha razón non dá acertado, e aínda por enriba, para un home de certa idade que ten nas súas filas, Beiras, non se dá amañado con el. Así que queda en mans dos neonatos. ¿Por que son estes bebés case que todos do Bloque? Non se sabe, quizais é normal que sexan nacionalistas, non coñecendo outra cousa que Galicia; e tamén que estean a favor dunha economía pública e social cando todo o que viron foi o Hospital do Sergas. O caso é, como dicimos, que cada vez nacen menos, e é en todos eses Brais, eses Xurxos, Uxías e Antías que quedan agardando no limbo onde se perden os votos do Bloque, que tamén está por este motivo tamén no limbo a menos de dous meses das eleccións. Alí, no limbo, imaxino que estes pequenos votantes se atopan cos defuntos do partido contrario, que van chegando desde o outro extremo da vida. E o que me pregunto eu é: ¿E quen gobernará aló, no outro mundo?