DESPOIS das eleccións vascas, ese grande problema da unidad de España que algúns viñan situando no centro da deboura empeza a ser, como sempre foi, un problema menor. De Fraga a Bono, muitos andaban preocupados na longa precampaña pola Unidad Nacional. As eleccións do domingo aclaran que esta vella andrómena mais que un problema é unha artimaña, un alibí, un mito, e como tal encerra os seus perigos. Algúns, como os neo-paleo-falanxistas que atentaron o sábado contra a Historia (Carrillo), o coñecemento (os libros da librería Crisol) e os historiadores (Santos Juliá) ou os anónimos cidadáns que perseguen a Peces Barba porque durante a Dictadura defendeu etarras (Proceso de Burgos), son quen de morrer ou mesmo matar por tal retórica cuestión. Aínda que perigosa, a retórica da unidade da patria deu froitos electorais importantes na estratexia de Aznar, precisamente porque foi capaz de servir de bálsamo unitario entre correlixionarios tan distantes coma Ibarra ou Jiménez Losantos. Sen embargo, nas eleccións vascas o tal perigo quedou aparentemente desabaratado porque supón o freo do Plano Ibarretxe na súa formulación actual. O chamativo resultado deses descoñecidos EHAK parece suxerir unha solución á fin de ETA a través do seu brazo político, na medida en que este foi capaz de evitar a fagocitación do seu electorado que pretendía o PNV. Partido este que sofre polo tanto unha derrota na súa doble estratexia: a de apostar pola escenificación dun enfrontamento político co Estado baseado no Plano Ibarretxe e a de ser o principal defensor da presentación do brazo político de ETA ás eleccións -na confianza de que o PSOE o impediría-, co obxectivo de atraer todo o seu electorado. Diríase que o PNV logrou o efecto contrario ao que perseguía: canto máis próximo se presentou a Batasuna nos fins, máis xustificación lle deu a esta. Canto máis imitou a HB na fronte política máis fixo botar de menos ao orixinal. A outra conclusión destas eleccións, en relación co resultado do PNV, é que para pactar co Estado a fin de ETA o electorado tradicional do entorno etarra tamén considera que é millor a Herri Batasuna de sempre. Finalmente non puido funcionar a estratexia de ilegalizar aos votantes e pasou o que pasou. Un partido aparentemente pantasma coñecido dúas semanas antes da eleccións millora en dous deputados os resultados anteriores de Euskal Herritarrok. E fíxense que curioso, chámase precisamente Euskal Herritarrok Alderdi Komunistak. Han ter razón os de Aralar -un outro novo partido que entra no plural parlamento vasco- cando din que é unha marca coñecida e recoñecida de Batasuna para quen quixera enterarse. O caso é que o PNV non logrou xibarizar ao mundo de Batasuna e destruilo políticamente a cambio do Plano Ibarretxe. Non sabemos en que medida pero o que é seguro é que algo tivo que ver nisto a actitude dos poderes do Estado. Pola algunha razón, nin o PP antes nin PSOE agora logran porse de acordo co PNV nunha estratexia para rematar coa violencia. Na subida do PSOE non sei se hai algo de aprendiz de bruxo. En canto ao PP resiste mui ben con ese argumento mitolóxico chamado unidad de España.