A terraza dos libros

FRAN ALONSO

OPINIÓN

23 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI UNS MESES puiden escoitar nunha libraría como unha persoa se queixaba do elevado prezo dos libros. O curioso non é que se queixase do prezo dos libros senón que o facía argumentando que son obxectos dun único uso, ao tempo que xustificaba o prezo dunhas zapatillas deportivas de marca do seu fillo alegando que ao calzado lle saca moito máis rendimento. A anécdota reflicte a escasa consideración social que aínda ten o libro entre a cidadanía. O que esa persoa non era capaz de percibir é a xigantesca plusvalía intelectual que o libro produce nas persoas e nas sociedades, se cadra porque o seu rendimento é inmaterial e os seus enormes beneficios son intanxibles. Por iso, eu sempre emprego a mesma metáfora: a lectura é como unha gran terraza con inmellorables vistas panorámicas. Cando unha persoa pasea polas rúas do centro de Nova York ten unha visión parcial e moi limitada da cidade, pois os edificios impiden ver o conxunto. En cambio, cando asoma á terraza dalgún dos rañaceos neoiorquinos a visión é abraiante, espléndida. A lectura é como a gran terraza dun rañaceos, porque nos proporciona unha visión privilexiada do mundo; é unha atalaia que nos ofrece unha perspectiva da vida moito máis completa e eficaz. Sobre todo, porque os libros nos dotan de capacidade crítica, permitíndonos interpretar o noso tempo; capacitándonos para o diálogo e o intercambio e, sobre todo, proporcionándonos instrumentos para valorar as cousas con xuízo propio. E, con todo, o Día do Libro colleunos outra vez cuns índices de lectura baixísimos. En España están entre os máis baixos de Europa (le un 39,6% da poboación, fronte ao 71,8% de Suecia). Pero en Galicia a situación aínda se agrava, pois atopámonos por detrás de Navarra, Madrid, La Rioja, Cantabria, Cataluña, País Vasco, Canarias, Extremadura, Castilla e León e Murcia. E, con respecto á nosa lingua, unicamente o 25% dos lectores recoñecen ler en galego. Os poderes públicos teñen a obriga moral de defender os dereitos das persoas a soñar, imaxinar, viaxar, asustarse, divertirse, sorrir ou chorar coa lectura. A frase «os libros fannos libres» non é un tópico senón unha verdade aínda revolucionaria. Non en van, os libros son perseguidos polos totalitarismos, polas ditaduras, polos censores, polos tiranos e polos antidemócratas. Así que non permitamos que ninguén nos furte tan extraordinario privilexio.