Correo aéreo

OPINIÓN

22 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI semanas reflexionei aquí sobre o triste que era abrir o buzón e non atopar nada máis que facturas (o día que chegan). Claro que, como argumentaban no maio do 68, demandamos razonablemente o imposible: sen escribir antes, é difícil recibir correspondencia. A non ser que un sexa Lorenzo Varela, que se declaraba «acártico» e rara vez pasaba a lingua pola goma dun sobre, aínda que, razonable el, gustaba de ter correo, segundo lembra o seu biógrafo Fernando Salgado. Así que esta semana decidín recuperar algunha correspondencia de ultramar e percorrín varias papelerías do barrio na procura do artefacto idóneo: os sobre cos bordes azuis, brancos e encarnados, que rapidamente identificamos cos envíos por avión. Non os din atopado. Ao parecer, ninguén os pide e non compensa telos colleitando po. Podería mercalos nunha hiperpapelería, pero supoño que xa non sería tan divertido. Con todo, se existe un sobre específico para o correo aéreo, resulta ilóxico deixar de empregalo. Será que se escribe menos. Ou que a xente ten menos amigos noutros países. A este paso, só escritores detallistas como Manuel Rivas serán quen lles dean uso. Síntoo polas alegrías que me ten dado eses coloriños ao recoñecelos no buzón, quizais porque eran as cores que eu identifico co país de onde chegaban as letras retortas de quen ben me quería e a quen eu correspondía. Síntoo, porque eu xa non podería devolver esas alegrías.