O novo Papa ten clube de fans, camisetas, imaxe comercial e as súas homilías colocadas na internet. O novo Papa, dogmático e conservador, debera declararse en contra destas superficialidades. Igual que un está en contra do condón pode estar en contra do mercadeo pulicitario. Claro que o condón salva vidas e o mercadeo publicitario salva a carteira dos que o promocionan e alentan. A Igrexa non pode continuar máis tempo levándose a contraria a si mesma. Se a defensa dos humildes era un principio de Jesús, a defensa dos humildes debe ser a fe de Benedito (ou Bieito, que ambas voces serían pertinentes en galego: forma culta e forma evolucionada). A Igrexa debe estar cos do Alén, pero debe estar tamén cos do Aquí. Eu quería un Papa negro para que observara a tristeza de África, morta de fame e de sida. Quería un Papa da Liberación para que as mulleres puidesen ser o que lles dera a gana: bispas, sacerdotisas, cardenalas. Para que puidesen ser libres. E que os gais puidesen casar. Quería un Papa chino para que non traballen os nenos dezaseis horas. Quería un Papá como Xesús, ao que Conchiña (unha nena de sete anos) reza cada noite. Pídelle un mundo «máis mellor». Espero que Benedito escoite a Conchiña.