NUNHA sondaxe deste xornal, os internautas foron moi claros: nunha porcentaxe moi alta votarían a Beiras en primeiro termo e non ao BNG. En realidade, dixéronnos o que xa sabiamos, isto é, que o gran activo dese partido é Beiras. Ao cabo, el foi o que lle deu proxección política e credibilidade. Faltoulle, e segue faltándolle, unha maior respectabilidade. E non semella que o partido a vaia conseguir prescindindo do seu mellor activo. Ao menos, un non ve que hoxe haxa alguén para encher o oco que deixa Beiras. Un diría que nesta historia alguén se está suicidando. Menos clara é a causa que move aos suicidas. Como para crer que acertan os mal pensados que sosteñen que o que importa é ter asegurado un aparello que permita a certas persoas unhas determinadas accións, e que gañar unhas eleccións é cousa secundaria. Porque, por outra banda, tanta cegueira política, un día e outro día, non resulta moi explicable para os que non estamos nimbados pola augusta infalibilidade dos que toman as decisións.