Zapatero pide un aplazamiento de su declaración por la «complejidad» del sumario
¿ONDE estaría a condenada caixiña? Levaba xa ben tempo dándolle voltas, pero nada, non había maneira. Busca, busca, e non aparece. Acompañara a Balbino por outros escenarios, e divertírase, pero naquel rebusque tiña que recoñecer que estaba atoado. O neno labrego erguérase cedo para apañar algún tesouriño dos que lles caen dos petos aos bailaríns nas verbenas, apalpando na herba e co ollo ben espelido. Podía xurar que xuntos xa examinaran todo o campo da festa, unha vez, dúas e ata tres, e nada. Non aparecía. ¿Onde estaría a condenada caixiña? Necesitábaa se quería continuar. Pensou en preguntarlle ao pai. Ao mellor podía axudarlle. El lera aquel libro de cativo, ou iso dixera cando viu o plástico no seu cuarto. Collérao para quedarse mirando aquelas palabras, Memorias dun neno labrego . Parecía apampado. Pero igual era que só estaba morriñento. Xa notara aquela ollada antes, sobre todo cando o deixaba no coche na porta do colexio. De súpeto, abriuse a porta e alí apareceu o pai. -A cea. Veña. -Déixame un pouco máis, só un minuto. -Vaise arrefriar. Despois. -Pero é que non atopo a caixiña. A do rebusque. -É que hai que saber mirar. -Dimo, por favor. -Despois. E, sen avisar, a traizón, apagoulle o monitor e retiroulle o mando. -Terás que ler o libro. Non gravara a partida. E a caixiña sen aparecer. Menos mal que tiña vidas infinitas. Modo Deus. Invulnerable.