Ateos católicos

| LOURENZO F. PRIETO |

OPINIÓN

EN ESPAÑA ata os ateos son católicos. Durante a guerra do Líbano, un miliciano chií preguntoulle nun control a un xornalista que se declaraba ateo, se era ateo católico ou ateo musulmán. Tamén o catolicismo é unha forma de cultura máis que unha relixión, en Italia, en Portugal ou en Latinoamerica. Quizabes iso explique o chamativo impacto da morte do Papa en todos os medios de comunicación dos países católicos, independentemente do seu actual grao de secularización. Un reflexo das súas sociedades, máis tamén da enorme influencia dos católicos nelas. En Italia, por exemplo, logrou o que non conseguíu o pánico do 11 de setembro: suspender a liga de fútbol. A fin deste longo pontificado esta tendo unha grande repercusión mundial, acorde co seu papel histórico nos acontecementos da fin do século XX, do que sobrancea a caída do comunismo. Mais a morte de todos os papas contemporáneos tivo un impacto similar, derivado da súa singularidade. Ningunha outra relixión ten un soberano de orixe feudal, un auténtico emperardor terrenal, eleito como primus inter pares e dotado de tanta forza espiritual, agás o Dalai Lama. Ningunha outra Igrexa mundial logrou manter a apariencia de continuidade dende hai dous mil anos, a pesar dos seus cismas. Muitas outras Igrexas naceron rompendo con Roma, primitivas herexías, a igrexa oriental e, sobre todo, as igrexas reformadas. Estas, nacidas precisamente para o cambio e a adaptación ao mundo moderno. A católica cultiva, pola contra, tal prodixiosa apariencia de inmutabilidade que segue conseguindo transmitir o seu carácter eterno e, polo tanto, verdadeiro. Eís unha fonte de fascinación mesmo para os non católicos. Nos países do sul de Europa todos somos católicos, mesmo sen querer. Sentímonos todos, queirámolo ou non, concernidos. En senso contrario, a fortaleza da cultura católica nestes países, explica en parte un visceral e mesmo primario anticlericalismo. Producto tamén dun longo conflicto entre unha Igrexa defensora de antigos privilexios e unha sociedade moderna que tarda en abrollar. Por iso Napoleón fixo ao seu fillo rei de Roma, e a unificación italiana só culmina en 1870 coa reducción do poder temporal do Vaticano á súa dimensión actual. Este Papa morreu como quería, testemuñando o seu sacrificio fronte a outras opcións humanas de morte. Ninguén sabe gobernar nin morrer como un Papa. Como tantos papas antes, o finado consegue titulares históricos: o máis chorado, o máis decisivo, o máis santo. No exercicio do seu poder, este Papa instalou unha fábrica de santos no Vaticano e fixo máis santos en 26 anos que todos os seus devanceiros xuntos. Santificou como mártires dunha persecución relixiosa ao dez por cen dos 7.000 eclesiásticos seculares e regulares asesinados na guerra civil española e coñecidos como « Caídos por Dios y por España» . Víctimas dun desaforado anticlericalismo de séculos. Nin Pío XI, o Papa que co episcopado español convertira a guerra en Cruzada, se atrevera a tanto. E fíxoo sen mediar desculpa algunha pola implicación da Igrexa no incivil conflicto nin siquera pola colaboración na represión da guerra e a posguerra.