Nélida de Cotobade

OPINIÓN

01 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

OU SE CADRA mellor, de Carballedo. Ou de Borela, á beira do río Almofrei. Algún verán da miña nenez tamén o pasei aquí, onde un dos meus avós (o avó Mariano) exerceu de mestre de escola contra finais dos anos 50 e os primeiros anos 60. Os meus pais subían dende Pontevedra e botábamos os meses de xullo, agosto e parte de setembro na aldea, polo aquel de «cambiar de aires», que era a medicina ecolóxica da época, contra a tosferina e o sarampelo. Pé da Moa. Alto de xesta e toxeiras. Había ter eu doce ou trece anos... Recoñezo que a primeira vez que sentín falar a Nélida Piñón de Borela, o seu particular territorio da infancia, fiquei abraiado. ¿Cómo pensar que podiamos ter compartido o mesmo pequeno e particular paraíso? Borela é unha aldeíña humilde das terras de Cotobade, pasadas as pontes de Bora e o lugar de Tenorio, na provincia de Pontevedra, camiño de Carballedo. Por non vir case que non vén nos mapas. Ou iso cría eu, ata que a atopei en A República dos soños , a novela máis ambiciosa e importante que se ten escrito sobre a emigración galega. No libro aparece co nome de Sobreira. Os avós da escritora por parte de pai eran de aquí. Os avós por parte de nai de Paraños, un pouco máis arriba, onde as terras pontevedresas van subindo paseniñamente cara ao ceo. Pai e nai coñecéronse no Brasil, alá casaron, e cando a nena Nélida cumpríu dez anos trouxérona ás terras dos devanceiros. Quedou marcada para sempre. Adelina, Nemesio, Lola, Gilda... ¿Qué foi daqueles nenos, compañeiros de xogos, bolboretas luminosas agora, na memoria do tempo? Adelina acabou en Caracas. Nemesio marchou para o Brasil... Medio mundo destas terras emigrou ao Brasil. Cando Nélida Piñón, nos anos 80, empezou a escribir sobre aquela inmensidade americana para intentar explicala (para intentar explicarse a si mesma, que é a esencia de case toda a literatura), acabou volvendo a Borela. Aquí estaba todo. Os principios. As raíces. Non hai literatura, nin mundo, nin universo sen raíces. «Lembro, sobre todo, as mulleres», recorda. «Mulleres de negro, agardando por nós nos peiraos do porto de Vigo. E o cantar da lingua antiga, inconfundible, que me acompañou sempre e me acompaña aínda». Nélida Piñón non é unha escritora brasileira que descubre Galicia. É un exemplo de escritora galega que descubre o mundo e que, na lingua galega do outro lado do mar, proxecta Galicia no mundo, entre outras cousas a través dos seus libros. Cando no ano 97 tomou po-sesión da presidencia da Academia Brasileira das Letras (a primeira muller que ocupaba tal posto) invitou á cerimonia ao presidente do Brasil, ao presidente de Portugal e ao presidente da Galicia. Alí se xuntaron todos. Os grandes ríos embocaban no océano común (poderoso e diverso). Teño diante de min unha fotografía preciosa, que publicou este xornal hai un par de semanas, onde a escritora aparece de nena (unha mociña) entre os brazos do seu pai. Brazos rexos, xenerosos. «Daquela eu estaba feliz, en estado de gracia», escribiu aos amigos. Os seus paisanos de Cotobade agasállana agora e acóllena, coma quen, nos mesmos brazos. Nélida volve (e rencontra) o paraíso.