Cousas que pasan

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

28 mar 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A CONSTRUCCIÓN da autovía Santiago-Lugo ven de ser aprobada polo goberno. Aínda que hai muitas razóns en contra de tal iniciativa, mesmo podería ser unha boa noticia de tomármola aillada no tempo e no espazo, pero temos que pola en relación con outras recentes. Como que o goberno resístese a financiar o remate da conexión As Pontes-Vilalba que une o Noroeste do Noroeste coa Meseta central e co resto de Europa polo Cantábrico. Outra perla: a piques de rematarse o Porto exterior de Ferrol, segue sen tramitarse a conexión do peirao por estrada, o que fará dos novos muelles ferroláns os primeiros incomunicado por terra. A guinda: o goberno non permite a ampliación do espazo industrial do mesmo porto que só ten que autorizar porque é tan tendibel que xa se autofinancia. Hai cousas que pasan sempre ou, por millor dicir, dende que lembramos. Un supoñer, que Galiza, co 6% de poboación do Estado ven de rexistrar o 14 % de mortos nas estradas na pasada Semana Santa. Unhas noticias son desconcertantes e outras nunca chegan. Nada se sabe do enlace da Lavacolla coa A-6 que conectaría Santiago e o sul da provincia coruñesa coa súa saída natural e que é imprescindibel para concectar a costa atlántica, de Muros a A Guarda, co Cantábrico. E iso desconsiderando a costa norte portuguesa, porque se nos desentendemos dos vellos termos fronteirizos, estamos a falar da zona máis dinámica da famosa eurorexión da que tanto latrican. A mesma Autovía do Cantábrico avanza tan lenta que nos trae ecos do mítico Transiberiano -por iso rebautizámola-. Aínda que nos corre muita presa, pois segundo os datos deste xornal, a actual 634 recolle ao seu paso por Ribadeo case tantos vehículos diarios como as dúas autovías xuntas en Pedrafita e no Padornelo. Madialeva, a Europa non se vai por Medina, nin dende Santa Uxía de Ribeira, nin dende Vilanova de Famalicao. Agora mesmo podo comprobar ese tránsito pola fiestra. De esgueira vexo os camións polacos, húngaros, irlandeses, holandeses, franceses, portugueses e, claro, galegos (Rouco, Reyco, Zara), que pasan a diario por esta vella estrada que se converte en autovía en Avilés e chega con duplo carril a Riga ou Edinburgo. No mapa de Europa este é o camiño. En dous ou catro mil kilómetros, os 200 de Ranón á Lavacolla non fan conta. Tanto bombo coas vías para unirnos coa Meseta e resulta que o tráfico vai por outro lado. Alguén se equivocou «planificando» e lonxe de rectificaren insisten no camiño do erro ¿Hai algunha lóxica en todo isto? Seguro. No XIX os políticos facían fontes públicas, ferrocarrís, cárceres. A cabalo de 1900, Montero Ríos fixo en Santiago a Escola de Veterinatia e a Facultade de Medicina. No 2000, Fraga fainos a súa Cidade da Cultura. Outros puxeron a luz, Franco trouxo unha refinería á Coruña. Ese paternalismo concéntrase hoxe en autovías, estradas e pistas. Seguen a tratarnos como fatos políticos con amigos en Madrid, como cidadáns sen dereitos e, sobre todo, -e iso é o peor- sen intereses. Daquela ¿quen lle vai dicir que non a esa nova autovía Santiago-Lugo que carece de sentido pero que ao seu paso por Palas xa leva o nome de Blanco? Pois non, non é prioritaria.