Lealdades primordiais

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

OS GRUPOS e os individuos teñen preferencias que sitúan por riba doutras. Aquelas ás que con identificación absoluta outorgan a prioridade. Poden ser relixiosas, familiares, ideolóxicas, étnicas. Así, o insobornabel pacifismo dos cuáqueros pon as súas crenzas por riba de leis e conxunturas históricas. Os creativos xudeus sempre deixan oco para relataren o holocausto dos seus e xustificaren a Israel. Os emigrantes -piamonteses ou irlandeses- fidelízanse nos costumes da terra nai. Os partidos comunistas subordinarizáronse ás estratexias da patria soviética durante o estalinismo. Definir as lealdades primordiais é inexcusabel en calquera empresa política para clarificar os fins e poñer os medios. Por iso non se entende ben a actitude do PSOE en Vigo, en relación coas iniciativas do BNG para que a maioría progresista recupere o concello. Primeiro foi a dimisión de Castrillo e despois unha oferta formal para recompoñer o pacto, rachado polo capricho máis que pola política. A maior cidade do país, centro dun territorio que será decisivo para a derrota do PP, está pendente de que PSOE e BNG emenden os erros que deron o poder á dereita. A inmensa maioría dos vigueses que votaron ambas as dúas opcións seguro que saudarían a volta dun goberno de coalición capaz de continuar cos proxectos e mesmo de inaugurar as obras deseñadas na etapa anterior. A capacidade de entendérense ambos partidos sería ademais un sinal inequívoco cara as autonómicas. Pero Touriño responde cun indisimulado desprezo a cada paso do BNG. ¿Por que? Non porque considere que debe gobernar a lista máis votada. Como demostran Moreda na Deputación da Coruña, Bugallo en Santiago e muitos outros alcaldes. Tampouco porque queiran defender a ultranza a actuación de Pérez Mariño. Tampouco lles dá noxo o poder. ¡Non xaora! A razón hai que buscala nunha estratexia estrictamente partidaria e nunha confianza desmedida nos prognósticos. O PSOE parece convencido de que evitar a moción de censura en Vigo permitiralles desgastar aos nacionalistas no seu favor cara as eleccións de outubro. Podería entenderse de teren a victoria asegurada -imposíbel sabelo ata o día despois- e de non poñeren en dúbida o obxectivo central. ¿Que quere o PSOE? Sen dúbida o mesmo que o BNG: derrotar á dereita. Mais para facelo os dous grupos terán que pactar un goberno de coalición nas condicións que determinen as urnas. Da visibilidade dese pacto futuro dependerá a credibilidade dunha alternativa para os votantes e, sobre todo, para que moitos deles se tomen a molestia de ir votar. Un pouco de ilusión que cure a frustración do electorado vigués sería un bon paso.