A ÚLTIMA maragallada non sei se estaba pensada como sosteñen algúns ou se, como pensamos outros, foi unha saída de pata de banco impropia dun político que temos por solvente. O tempo diránolo. Maragall destapou cuestións tan espiñentas como vellas. Para uns trátase do financiamento dos partidos na democracia. Para outros, ten que ver coa corrupción na política que non é -nin moito menos- só problema deste réxime nin deste Estado. A corrupción do poder afecta a todos os sistemas pero máis a uns que a outros. A corrupción era consubstancial ao franquismo, fundado no privilexio dos vencedores fronte aos vencidos. En función das súas posibilidades, os primeiros accedían a privilexios que eran negados aos segundos. Uns aprobaban oposicións patrióticas mentres outros eran separados das prazas que gañaran por oposición. Estancos, farmacias, empregos públicos, vivendas sindicais, bolsas de estudos, pensións, eran repartidas nos comezos do Réxime con esa discrecionalidade. Os enchufados do franquismo eran un pesadelo social pero tamén o modelo para saír adiante. Cara o final as cousas mudaron levemente pero sobre aquelas prácticas construíuse o novo sistema. Asentado en novas bases políticas e sociais e, por suposto, en boa medida por novas elites políticas pero a experiencia social acumulada non desapareceu -non podía- por mandato consitucional. O poder corrompe e o poder absoluto corrompe absolutamente. Sobre todo en ausencia de mecanismos de moralidade pública e novos valores sociais. As sucesivas noticias sobre ese mundo oculto permiten aos cidadáns facérmonos unha composición de lugar. A ocupación prolongada do poder parece favorecer a corrupcion. Sexan os 23 anos de CiU en Cataluña, os máis de vinte dos socialistas en Andalucía ou os 24 do PP aquí. Os cidadáns saben e seica a frase de Maragall explicitou o que toda Cataluña sabía. Pero sabemos máis cousas e podemos preguntarnos moitas máis. Sabemos de Filesa, do caso Naseiro, dun conselleiro que na Galiza era coñecido como mister 5% . Que outro conselleiro fixo unhas declaracións que podían entenderse como unha autoinculpación do seu partido. E preguntámonos: ¿As comisións en Cataluña só implicaban ás obras da Generalitat? Porque unha parte importante da obra pública, a que xera máis plusvalías, depende das administracións municipais e Barcelona é un emporio de cambios de uso e operacións urbanísticas. Daquela ¿Pode funcionar unha parte do sistema con comisións e outra non? Difícil. Se os partidos usan as comisións para financiarse, aínda peor que o fagan é a falla de control dos mecanismos usados ¿Quen define a porcentaxe, quen a cobra, canto pasa ao partido? A diferencia do que ocorre aquí, a frase de Maragall tivo consecuencias. A fiscalía investiga e tamén o Parlament. Aínda que baixe o suflé xa pasamos do 3% que citou o president ao 20% do que falan os primeiros declarantes.