O DISCURSO da historia demostra que, diante de certas catástrofes ou acontecementos moi graves, que conmocionan as sociedades, estas tenden a apretarse sobre si mesmas e mesmo a cerrarse arredor dos seus gobernos, sexa do signo que sexan, nun acto case que instintivo de supervivencia, que poderiamos chamar tamén instinto de conservación. Diante da catástrofe, os cidadáns tenden case sempre a esquecer (ou adiar) as súas diferencias, as súas liortas, os conflictos particulares, e buscan a seguridade, acobillo necesario para afrontar a situación. Obsérvese que digo case sempre . Boa parte das motivacións que levaron aos votantes a apoiar a George Bush nas pasadas eleccións norteamericanas proceden deste sentimento colectivo, logo dos sucesos do 11 de setembro do 2001 en Washington e Nova York. Os acontecementos do 11-M, non obstante, que onte lembraba solemne e dolorosamente toda España, constitúen, paradoxalmente, unha excepción. Deberiamos reflexionar sobre este punto. ¿A que estado teñen chegado as cousas entre nós como para que estean desta maneira: os políticos divididos, enfrontados, enlouquecidos ás veces na retórica máis dura, cada quen turrando do seu, incapaces de ofrecer aos cidadáns un mínimo e elemental consenso, instalados nesta especie de enaxenación colectiva? ¿Non hai ninguén que acerte a introducir un pouco de cordura? Onte, os lectores deste xornal tiveron a oportunidade de reconstruir os acontecementos. As hemerotecas e os servizos de documentación serven para estas cousas. As sondaxes de opinión son tamén concluíntes: a inmensa maioría de poboación considera que o Goberno de Aznar manipulou conscientemente os tráxicos sucesos daquel día diante da posibilidade ou temor, que se confirmaría despois, de perder a consulta electoral do día 14. E perdeuna. Algo parecido sucedeu no caso do Prestige . Diante da catástrofe (pois o naufraxio foi un accidente), o Goberno non só non atendeu en condicións e a debido tempo a situación senón que manipulou, negou, retorceu e ocultou a información canto puido, cando menos nos primeiros días, ao servizo dese defendella y no enmendalla que caracterizou sobre todo os últimos anos da lexislatura Aznar, inzada de prepotencia e soberbia (non se me ocurren outros calificativos), igual que no caso Yakolev, igual que na guerra de Iraq, ignorando un concepto básico fundamental: que o pobo é o depositario da soberanía e, por tanto, ao pobo se debe a información, a consulta e a transparencia, e arrastrando, no noso caso, mesmo á Xunta de Galicia. As repetidas chamadas do presidente aos directores dos medios en plena vertixe dos acontecementos resultan abondo significativas. Chovía sobre mollado o 14 de marzo do 2004. Esa foi a principal razón da derrota do PP, que polo que se ve aínda non deron asimilado. Alguén debería ser quen de reconducir os acontecementos. Non axudan os hooligans profesionais, francamente (nos partidos e nos medios de comunicación). Escoitar algunhas emisoras de radio dá medo. As palabras non son nunca inocentes, mesmo aceptando a retórica da tensión propia destes casos. Certas intervencións, que estamos a oir estes días, teñen á audiencia abraiada. A credibilidade é unha das bases fundamentais da estabilidade política e moito me temo que os nosos políticos están perdendo aceleradamente a credibilidade.