A pedagoxía das leis

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

O GOBERNO acaba de aprobar novas medidas para promover a igualdade de xéneros que se suman á lei integral contra a violencia e outras actuacións paritarias. Agora cómpre poñelas en práctica. Pero estas e outras actuacións son reprobadas, non só por homes que temen perder os seus privilexios seculares, senón por moitas mulleres que consideran que poden chegar polos seus propios medios, que as que valen alcanzan os máis altos niveis sociais, políticos e profesionais. As que así opinan non só descoñecen a realidade, senón que ofenden gravemente a moitas mulleres intelixentes, preparadas e creativas que, ao longo da súa vida, viron como homes mediocres accedían a cargos, honores e prebendas mentres elas quedaban relegadas. A desvalorización histórica das mulleres creou unha inercia difícil de vencer. Como noutros aspectos da sociedade, as conciencias non evolucionan soas. Por exemplo, se non se lexislan medidas para impedir a corrupción gobernamental, nada nos asegura que persoas doutros partidos cando cheguen ao poder non incorran nos mesmos abusos. Tampouco chegan recomendacións en materia de tráfico. Haberá persoas que se embriaguen de velocidade, ou que estacionen en dobre fila para o seu beneficio, sen importarlles os danos que poidan causar ao resto. Tampouco aquelas adictas ao tabaco vanse doer do mal que poidan ocasionar a outras. O alumnado non estudiaría de non teren exames... Así é. Necesitamos leis para educarnos, para aprender a respectarnos, para modificar vicios adquiridos, para iniciar cambios culturais que nos melloren. Cando foi abolida a pena de morte, saíndo da dictadura franquista, unha boa parte da poboación era partidaria dese crime. As novas xeracións xa abominan desa práctica. As leis non só teñen valor executivo, senón tamén didáctico. Benvidas sexan, logo, as novas regulacións, sendo conscientes de que moitas serán precisas aínda para conseguir unha sociedade na que mulleres e homes poidamos vivir máis feliz e dignamente.