Mar adentro en Manhattan

OPINIÓN

PILAR CANICOBA

04 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA BOA AMIGA que vive en Nova York chamoume hai un par de días dicíndome que fora ver a película de Amenábar, e que saíra co corazón a cen, non só pola intensidade da historia, senón porque alí estaba Galicia. A miña amiga leva moitos anos nos Estados Unidos e, aínda que é vasca, vivíu moito tempo connosco e séntese unha de nós. «Era volver estar aí», dicíame. O momento máis emocionante seica é cando soa a Negra Sombra e a lingua galega xorde, coma quen, das profundidades, a enchelo todo... Non é a primeira persoa que comenta deste xeito a película de Amenábar, que ten outros moitos valores e que vén recollendo toda clase de recoñecementos. E que, ademais, é un produto promovido e participado pola industria audiovisual galega, polos medios publicos de comunicación de Galicia (TVG), con actores galegos de primeira liña (non todo é Javier Bardem e Belén Rueda), rodada en Galicia e con participación de capital galego. O director non o é. Tampouco Elia Kazan era norteamericano, nin Charles Chaplin, nin moitos grandes que fixeron Hollywood. Vén a conto o comentario por certa polémica que anda a rebulir no país, tan querido e ás veces tan pataqueiro, de se Mar adentro é cine galego ou non, se debemos aplaudir ou non estas iniciativas como nosas, se o filme de Amenábar nos representa ou non nos representa... A rexouba non tería máis trascendencia, nin merecería liña ningunha, se non estíbese bastante extendida. Miren vostedes: aquí representámonos todos segundo e cómo. A cuestión é se sabemos sentirnos representamos e tiramos proveito das oportunidades que se nos ofrecen. O cine é unha industria plural, complexa, que se caracteriza pola necesaria participación de moi variados elementos, técnicas de produción e de comercialización, de promoción e de distribución, e na que mesmo para elaborar o producto creativo (o filme) son necesarias moitas sabencias, moitas achegas, moitas e variadas especializacións, aínda que haxa un director da orquestra. Case que xa non hai producións cinematográficas no mundo cunha fonte única de financiación e que non estean coproducidas ou participadas de mil maneiras, con técnicos e profesionais de distintos países, cando non de distintos continentes. O cine e o audiovisual galego (mesmo con marca galega) tamén ha ser así, ás veces a cento por cento, outras veces con porcentaxes menores, pero capaz de interesar, promover, crear e participar nesta linguaxe nova (nova entre nós, quero dicir) que nos está a abrir ao mundo, e que se chama Dygra, Continental, Filmax (polo menos na parte que nos toca), Filmanova, Ignacio Benedeti, TVG, as caixas de aforros implicadas, Platos Combinados, Terras de Miranda, Luis Tosar, a memoria de Chano Piñeiro, os primeiros festiváis de Ourense, Carlos Velo, Xosé Suárez, o vello Tacholas na cinematografía arxentina, as producións de José Gil no Vigo dos anos 20..., tal que nun mesmo río, que ha ser máis caudaloso se o navegamos todos, os de antes e os de agora, os de dentro e os de fóra que queiran vir navegar (ou que nos deixen navegar con eles). Porque o mundo é así: cada vez máis aberto e necesariamente participativo. Só desta maneira romperemos fronteiras e abriremos portas para facernos oir alén de nós mesmos, que é tan importante. Entre outras cousas para facer chorar de saudades á miña amiga en Manhattan.