NADA coma o mar nos recorda o frouxos que somos. Non fai falla ser de mar para sentirse abatido no máis íntimo coa noticia dun naufraxio, porque o mar é esa inmensidade onde o home sempre se verá espido e insignificante. ¿E quén é do mar? Ninguén é do mar, e iso, esa orfandade, é o que nos recordan os naufraxios. Quen tivo algún día tratos con él sabe que nunca máis o vai arrancar dos seus soños, que o seguirá despertando no medio da noite coma o recordo dun amor que sempre nos venceu e nos vencerá. Cando o mar da o seu abrazo, como lle acaba de acontecer ó Siempre Casina de Burela frente ás costas de Ribadeo, con un sobrevivinte polo de agora, e oito homes desaparecidos esperando a ser rescatados, eu tendo a pensar en términos de compensación moral. Esa xente, os familiares, que agora son as víctimas que quedan en terra, non poden esperar nada bon da besta mariña, pero si de nós. A solidariedade cos mariñeiros exerceuse sempre de maneira equivocada, tarde e mal. Non é o seu un traballo calquera, é máis duro que en terra, e sigue a estar mal pagado, e a proba diso é que os nosos mariñeiros foron desertando das cubertas e hoxe o seu lugar vano ocupando os inmigrantes que van chegando ó noso país. Sí, é un oficio de valentes, pero tamén é un oficio das capas máis necesitadas da sociedade e dos homes máis loitadores, dos que non sinten o corpo, dos que non terman de sí. Quen vive do mar sabe que non hai Deus, e que non hai máis que Deus. A profunda relixiosidade dos homes do mar é a cousa máis alonxada da papanatería moralista que traza liñas nos mapas para discernir o mal do ben, e hai moito que aprender de quen nada tén que enseñar, esa é a lección que da o mar, e a que nos dan sen querelo os mariñeiros a nós. Diante desa inmensa fera só queda agardar. Ó mar non se lle poden facer reclamacións, pero fagámonolas a nós, pensemos por un momento nas cofradías de pescadores, nas direccións dos portos, nos mandos dos barcos, e nos organismos administrativos que son os responsables das condicións nas que traballan os mariñeiros, o que se pode facer para mellorar estas condicións e dignificar un dos oficios máis duros do mundo. O mariñeiro non é amigo da carnavalada, e con tanta como houbo cando o Prestige eu non vin que logo revertira nada a favor de quen vive do mar, con Prestige ou sen el. Moitos sen embargo non dudaron en facer cabeza dun movemento que para nada representaba ós mariñeiros. Agora eses artistóns andan nos cuarenta principales e os mariñeiros perden a vida tódolos días no mar. ¿Cando se revisan as condicións laborais e económicas dos mariñeiros? ¿Quén os protexe alí dentro? Aínda que sexamos poucos os que nos doia, sería moita a nosa gratitude, inmensa coma a do mar, se alguén nos contestara a estas preguntas estes días en Burela.