ESA FOI a transición que se consumou estes días. Desaparece definitivamente a vella Astano, a do Arteaga e o Butrón , a dos superpetroleiros que competían tecnolóxicamente no mundo. Non pasa nada. Discútese a ampliación de Ence e a creación dun cento de postos de traballo e Galiza enteira mobilízase, mediática, política e sindicalmente, con iniciativas tan choqueiras como a do Concello de Rianxo e a de CC.?OO. A sentencia de morte de Izar-Fene estaba anunciada dende que en 1984 cargaron a reconversión na ría de Ferrol. Vencéronos por agotamento e por xubilación. Demoralizáronos. A bisbarra dos 5.000 soldadores, dos 4.000 armadores, dos 3.000 plomeiros, dos 1.000 torneiros, dos centos de delineantes e técnicos ficou definitivamente xibarizada. No asteleiro de Fene chegou haber 11.000 empregados, contando as empresas auxiliares. Os que quedan agora non chegan nin para pechar as portas. Tan inadvertido pasou o peche do asteleiro que sinto unha extraña autoxenreira, imaxino que comprensibel en quen medrou e estudou á beira daquela ría e vivíu como festas aquelas botaduras hai trinta anos. Pero é moito máis que un asunto sentimental. Sinala un mal camiño que debera ter retorno se no queremos arrepentirnos no futuro. Sen alternativas productivas ao que desaparece non pode haber futuro sostibel. O debate sobre a industrialización do país pasa de Ferrol a Pontevedra, da ría convertida en arsenal e asteleiro no século XVIII, á ría dos comerciantes, mariñeiros e do turismo fidalgo. Non é críbel forzar así a lóxica histórica, as traxectorias consolidadas determinan unha dependencia da traxectoria. Bótase pola borda unha acumulación de coñecementos e capacidades de séculos, amais dunha infraestructura idónea. Os procesos históricos non son como os fenómenos naturais, pero diríase que neste caso tamén se despreza a natureza das cousas. Cando iso acontece os tsunamis cóllennos nas praias e as barriadas afúndense pola obras do metro. Outra volta Galiza paga a reconversión. Nin Andalucía, nin o País Vasco, asumiron os custes compartidos deste proceso. Nin antes nin agora. E aínda por riba chamaránnos choróns. E ademais isto acontece ao comezo dun ano electoral. Hai que preguntarse por qué ocorre isto. De qué carecemos para que nos escollan a nós. Non será que estamos faltos de poder. Non será que non merecemos nin respecto. De nada vale que o líder do Goberno sexa de aí ao pé, do mesmo Noroeste que nós, como lle gosta decir a el, nin que o da oposición nacera aquí mesmo. Mais o problema non é de fóra, sempre é de dentro. Somos os galegos os que desenfocamos o debate, os que amosamos a nosa incapacidade. A Xunta, tan belixerante co tisú, estivo desaparecida na reconversión. Minto, foi manifestarse a Ferrol. Nin que para iso escolléramos aos nosos gobernantes! Outros prometeron o que non podían cumprir e seguen fabricando promesas de equilibristas. Outros, ao cabo, negociaron en función da forza territorial. A solución foi política e derívouse da forza política. Nós non temos abondo.