O país precario

FRAN ALONSO

OPINIÓN

17 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

O ABISMO tecnolóxico que separa a Galicia de España e de Europa resulta preocupante. Os datos do Instituto Nacional de Estadística deixan en evidencia o atraso galego con respecto ás novas tecnoloxías e aproxímannos moito máis aos nosos atávicos retrasos que aos retos da sociedade do futuro. A versatilidade das novas tecnoloxías da comunicación provocou que estas sexan hoxe imprescindibles no desenvolvemento económico e empresarial, na investigación, na cultura e na educación. O problema é que en Galicia só os sete grandes centros urbanos dispoñen dos servicios necesarios para conectarse ás autopistas da información, o que é pouco alentador, se temos en conta que o impresionante despegue económico e social da Irlanda dos últimos anos está ligado ao investimento e desenvolvemento das novas tecnoloxías. Por iso resulta sorprendente que nun lugar como Rande, ás portas de Vigo, non sexa posible conectarse á banda ancha. Pero o estado das infraestructuras é aínda moito máis precario do que parece. Cando os problemas de subministro eléctrico hai moito tempo que tiñan que estar resoltos, a maior parte da Galicia rural ten graves problemas de fluxo. O Val Miñor, por exemplo, unha das zonas da área metropolitana viguesa que máis medrou nos últimos anos, non só aínda carece de gas natural, que agora se comeza a instalar nalgúns lugares, senón que padece un moi deficitario servicio eléctrico. Numerosas parroquias de Gondomar, un dos concellos con máis incremento de poboación de Galicia, sofren constantes apagóns de luz e caídas da tensión. ¿Como é posible que Fenosa non sexa quen de dar resposta ao crecemento da poboación e ás súas demandas? ¿Como pretendemos que sexa posible garantir o acceso á banda ancha de Internet cando nin sequera está regularizado o fluído eléctrico? Se Galicia non quere desconectase do futuro, as institucións teñen que traballar con urxencia para que se posibilite o acceso xeralizado ás novas tecnoloxías. Das dúas posibilidades máis eficaces para facelo (vía satélite e a través do tendido eléctrico), ningunha parece realizable a curto prazo. A primeira debido aos seus elevados custes; a segunda, debido aos intereses económicos dalgunhas multinacionais. Mentres tanto, as institucións públicas deben afrontar o problema, facilitando o acceso á banda ancha, abaratando custes, e poñéndolle fin este novo e gravísimo atraso.