NESTE INVERNO boreal frío e raro andan os científicos a lanzar alarmas vermellas sobre o quentamento imparable do Globo. Dese fenómeno insostible seica ten boa culpa a humana teima de viaxar pola Boliña Azul que non para de dar voltas arredor do Sol. Para moverse cómpre dispor de fontes de enerxía que faciliten o movemento, e unha solución vella é transportar combustible no mesmo vehículo. Combustibles ideais ata agora para os medios de transporte independizados da vía son os causantes de boa parte do desastre que nos anuncian¿ Os motores de gasolina e gasóleo están no punto de mira dos que devecen por un futuro verde; e os fabricantes de vehículos que levan tales motores xa viñan desde hai tempo anunciando un paliativo: os híbridos de propulsión, combinación de motores tradicionais con eléctricos evolucionados. Falábase só ata que unha marca xaponesa se atreveu a pór no mercado un híbrido de bo rendemento, coas posibilidades de optimización que permite a técnica actual: pequeno motor «limpo» de gasolina, motor eléctrico potente e reducido, baterías eléctricas compactas, cambio de marcha continuo e ordenador de abordo sapientísimo, capaz de gobernar todos os fluxos de enerxía do sistema. ¿Resultado? Unha delicia de conducción a un prezo aínda inxustificable. Pero a OPEP di que non vai deixar que o petróleo volva a prezos de saldo, e as estacións de servicio seguen a espantar conductores. Neste contexto de frío e petróleo á alza, Detroit difunde un segundo sinal de novos tempos: outro híbrido de motor tradicional e eléctrico, con vontade de ir rebaixando prezos segundo permita a «curva de aprendizaxe»; e anuncia algo máis sofisticado: híbridos con célula de combustible e motor eléctrico. Parecería que a automoción estivese ante un futuro híbrido; e cabería preguntar se a Galicia fabril, que tanto entende de automóbiles e partes deles (como de barcos e os seus elementos) está científica e tecnicamente preparada para o novo reto.