O embigo, fonte de vida

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

31 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

UN PROGRAMA de Redes , «¿Para que serve o embigo?», acaba de levar un primeiro premio de Comunicación en Nova York. Redes , dirixido polo intelixente e entusiasta Eduardo Punset, é un magnífico espacio que emite os mércores TV2 e que nos achega, dun modo sinxelo, á ciencia nas diferentes modalidades. Gracias a Redes ímonos poñendo ao día sobre os asombrosos descubrimentos científicos que se suceden a unha enorme velocidade. Con eles conséguese mellorar a saúde, o benestar, e, incluso, prolongar a vida das persoas. Ao mesmo tempo amplía os coñecementos do mundo que nos rodea, difunde unha cultura científica que aumenta a responsabilidade e fomenta a curiosidade e o sentido crítico. Celébrase, neste ano 2005, que hai un século Einstein, un dos xeniais científicos que cambiou a humanidade, funda a teoría da relatividade. En 1921 recibe o premio Nobel de Física polos seus traballos sobre o efecto fotoeléctrico, sen o cal non se inventaría a TV. Gracias a iso temos dentro das nosas casas esa marabillosa fiestra ao mundo, unha fiestra que nos pode aledar e ennobrecer, facer razoar e pensar, pero tamén nos pode tapiar a imaxinación con programas groseiros, banais e irracionais que lixan as conciencias. Desgraciadamente, este tipo de programas teñen moita audiencia. Redes , ao parecer, só o vemos o 4% da poboación. No programa premiado, o embigo, centro do universo para os gregos, que podemos ver en Delfos, emisor de vida durante a xestación, descóbrese hoxe como unha fonte rica en células madre. As células do sangue do cordón umbilical son totipotentes e conservan potencialidades de desenvolvemento moi importantes. Serven, por exemplo para facer transplantes de médula. Con células do embigo, un volume de 100 mm abonda; a partir dun doante, sería preciso un litro. En ritos primitivos, para que a criatura nacida nadase ben, a nai debería lanzar ao mar o cordón umbilical. No futuro comprirá crionizalo e gardalo para solucionarlle os futuros problemas de saúde.