ASÍ SE titulaba a proposta premiada en 1840 polo Concello de Barcelona para derrubar as murallas da cidade e converter en grande metrópole aquela urbe na que ardía a revolución industrial. As arelas de crecemento social e económico pasaban por desprenderse do ríxido corsé dunhas fortificacións de orixe romano que a autoridade militar estatal quería manter a toda costa para millor controlar aos perigosos barceloneses. Así se denomina tamén a exposición coa que o Museo da Cidade conmemora o 150 aniversario do definitivo derrube daqueles altos valados que, dende a mentalidade conservacionista actual, seguramente alguén consideraría un pecado ter reducido a entullo. Destruir para construir foi o camiño. Aquela rotunda aposta da sociedade e do concello barcelonés, que quixo levarse a cabo en 1841 e despois aproveitando a sublevación da cidade contra Espartero en 1843, non puido concretarse ata catorce anos máis tarde pola oposición do Estado. Varias circunstancias extraordinarias coincidiron para propiciar unha conxuntura revolucionaria na que fraguou aquel anceio. A revolución de xullo de 1854 que puxo remate a unha década de goberno dos moderados. Unha epidemia de cólera exténdeuse pola cidade e provocou a fuxida das autoriadades estatais, encabezadas polo Gobernador militar. A mobilización operaria veuse xuntar ao anterior no ano que coñeceu as primeiras grandes folgas do textil. Estes acontecementos facilitaron a ocasión ao Concello para constituir unha Xunta de derribo que acometese un derribo que levaba dúas décadas arelando. Ven isto a conto da situación que vive o Estado e Galiza en particular. A libertade non se pide, está na man da sociedade conseguila aproveitando as conxunturas -ás veces tan excepcionais como as descritas- para logralo. Empezamos o ano cun optimismo pesimista. Os desexos de mudanza están peneirados pola incredulidade de que a alternacia sexa posibel na Galiza. Cando se cumpren vintecatro anos dende que Fraga gañou as primeiras eleccións autonómicas por persoa interposta preguntámonos se é posibel que gobernen outros. Se é posibel derrubar os valados As arelas de cambio estatutario e constitucional inaugúranse hoxe co debate do Plano Ibarretxe e continuarán en Cataluña. Seica aquí queren agardar ata despois das eleccións. Que presa hai? Xa non son os tempos de Espartero e, por fortuna, ninguén está disposto a bombardear Barcelona ou Bilbao, por muito que menten ao Xeneral dictador e progresista, pero son poderosas as forzas que frean estes anceios. Estamos na Galiza, non en Cataluña. Nun século XXI que comezou con medo e non na mitade daquel século XIX que cría no progreso sen fin e nas capacidades revolucionarias da sociedade e do individuo. Outras murallas, constitucionais, ideolóxicas e sociolóxicas, seguen erguidas polo costume e a tradición. Conservar da seguridade pero limita as posibilidades e anula os anceios. Que a conxuntura electoral -o actual substituto da revolución- sexa propicia e aproveitada con ventura. Non viña mal un pouquiño de utopía.