CORINA Porro, delegada en Vigo do noso católico, apostólico e romano presidente da Xunta, ten diante súa un panorama municipal algo diferente ao que tiña hai unhas semanas. En primeiro lugar, porque a dimisión de Lois Castrillo abre a remota posibilidade de que se produza unha nova moción de censura antes de esgotarse a lexislatura. E, sobre todo, porque Santiago Domínguez Olveira toma o relevo do BNG en Vigo con todo o crédito que deixou na súa etapa como concelleiro de Deportes e desde a posición de forza de ser membro da executiva do seu partido, o que, unido ao seu perfil cordial, lle outorga lexitimidade para ser un candidato con certas posibilidades de se converter en alcalde de Vigo. A osixenante dimisión de Castrillo é un primeiro paso para que se poida impulsar o necesario diálogo entre a esquerda viguesa. Agora, o PSOE debe buscar unha solución aos seus sempre pendentes problemas internos, solución que dea paso á normalidade política e que permita retomar a posición existente antes da chegada de Mariño, cando aínda non existía nin indicio para sospeitar a inexplicable oposición frontal ao PXOM que mantén hoxe o partido de Touriño. A dimisión de Lois Castrillo como líder do BNG en Vigo pon fin a unha etapa da súa vida política. Con seguridade, o tempo recoñecerá algúns logros de Castrillo, estratéxicos para a cidade, nos catro anos en que ocupou a alcaldía. O mellor mérito do ex-alcalde foi sobre todo a súa visión da cidade, esa visión integral que o levou a impulsar proxectos globais, de definición urbana, para Vigo: a creación da área metropolitana, que agora se aproba; o deseño (consensuado) do PXOM, que tamén se acaba de aprobar; a humanización da cidade, coa peonalización de diversas rúas (daquela polémicas e agora incuestionables) e o proxecto para a rehabilitación do casco vello. De feito, o actual goberno do PP continúa, basicamente, o labor que Castrillo puxo en marcha durante o seu mandato. O gran problema do ex-alcalde do BNG estivo en que non logrou afianzarse como líder e careceu da necesaria capacidade para comunicarse coa súa cidadanía. Un defecto, por certo, intrínseco ao nacionalismo. Agora, por respecto aos seus votantes, a esquerda viguesa está obrigada a iniciar unha nova etapa de entendemento.