Os distintos planos de Euskadi

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

18 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ASÍ COMO se fala de metalinguaxe, sistema lingüístico artificial para analizar os símbolos e a estructura da linguaxe, podemos referirnos á metapolítica, mediante a cal se reincide nos mesmos temas até a saciedade. Trátase dun exercicio literario-político no que participan, non só os protagonistas, senón tamén os informadores, na prensa e nos debates televisivos, rizando o rizo. A un tema superpónselle outro. No que levamos de ano, o tema é o plano Ibarretxe. Aínda que o terrorismo islámico sexa hoxe máis perigoso que ETA, esta continúa sendo clave política dese país. Por iso, o resto de España concibe unha Euskadi obsesionada pola súa identidade e polas armas, ou sexa, unha xente teimuda, obcecada e violenta. A realidade non é esa. Gastar, gastará ETA en dinamita, e iso nos aterroriza, pero na sociedade vasca gastan máis en servicios sociais, en educación, en cultura, que no resto de España. En Euskadi é máis fácil conseguir unha beca, que o Goberno elabore Emakunde , unha excelente revista feminista, ou obter orzamentos para organizar actos culturais de diferentes ámbitos e ideoloxías. Así alcánzase unha sociedade máis culta e tolerante. Unha proba do que digo son as recentes declaracións do Defensor do Pobo vasco, Íñigo Lamarca, que anteriormente fora presidente da Asociación de Gais e Lesbianas. Acaba de estar na Coruña invitado pola Asociación Milhomes e fixo un chamamento para que Galiza non perda o tren da modernidade. Os políticos só falan do AVE, pero o tren que non hai que perder é o do progreso humano que radica en moitos máis aspectos que na velocidade en quilómetros por hora. Vexan a diferencia. Aquí, persoas relevantes da política ou doutras actividades públicas, agachan a súa tendencia sexual se é contraria á norma. En Euskadi nomean a un recoñecido homosexual para un cargo político, un cargo que, ademais, implica unha alta categoría ética. O Defensor do Pobo vasco, ademais de homosexual, é feminista. Nos anos 60, as americanas lanzaron aquel slogan: «Deus é muller e negra», co que se pretendía atacar o patriarcado máis rancio e o racismo. Íñigo Lamarca vai máis alá na súa desmitificación e afirma: «Sería desexábel unha lendakari muller, negra e lesbiana». ¿Onde queda a pureza da raza e o machismo dun Arzalluz, por exemplo? Xa ven. En Euskadi teñen moitos planos aínda que dean en falar só dun.