DEBE SER moi duro ter que soportar voces que, desde algúns sectores sociais, te acusan de asasinato e te sinalan como asasina. Sobre todo, se ese suposto asasinato consistiu nun doloroso acto de humanidade para axudar a morrer a quen o desexaba ardentemente, é dicir, na asistencia activa á eutanasia. E ten que ser moi duro, sobre todo, se a túa axuda se someteu á dobre tensión de compracer a quen che solicita auxilio desesperado e ao tempo á dor de contemplar a desaparición definitiva dunha persoa á que queres. Iso é o que lle debe pasar a Ramona Maneiro. Francamente, ten que ser duro estar na súa pel. Só a súa valentía lle debe permitir soportar unha situación así, e contribuír, como herdeira moral de Sampedro, ao mantemento do debate en favor da legalización da eutanasia. Morrer é «un corte de mangas que democraticamente lle facemos á dor, por amor á vida», escribiu Ramón Sampedro no seu testamento literario, o libro de poemas Cando eu caia. Cando el morreu, hai sete anos, como editor tiven a sorte de acceder á súa obra poética, mergullándome nela para seleccionar os poemas que finalmente serían publicados. A poesía de Sampedro, sobre todo, reflicte o drama da súa vida: «Estamos sós e temos medo de andar ás escuras. Temos medo da soidade e da liberdade». Estremecedoramente entrañable é o poema que lle dedicou ao seu pai, vello. Toda a súa filosofía vital está sintetizada no poema Basta un instante . Era unha persoa intelixente, Ramón Sampedro. A súa loita por unha morte digna constitúe, sen dúbida, un paso de xigante na desmitificación da eutanasia. Pero, como ben sabía Amenábar cando rodou Mar adentro, a legalización da eutanasia é só unha cuestión de tempo e no futuro será aceptada como un feito normal. Se cadra por iso, resúltame difícil entender que alguén se opoña a que as persoas poidamos decidir sobre a nosa propia morte nalgúns contextos. O dereito á morte debe ser tan inalienable para o individuo como o dereito á vida. Poucas cousas pode haber tan profundamente humanas, tan profundamente vitais, como reivindicar o dereito á morte. A morte é a que nos humaniza, a que nos fai vulnerables, a que nos outorga a dimensión do sentido da existencia. A morte, amais dunha realidade inevitable, pode ser unha elección libre e madura. Precisamente por amor á vida, polo inmenso amor que nos aferra aos anos fugaces que pasamos neste mundo.