Merlín, Guerra e Cunqueiro

OPINIÓN

08 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DURANTE a Longa Noite de Pedra os grandes mestres da Literatura Galega produciron as obras que a definen na súa modernidade. Pero aqueles sufridores da mordaza non sempre simpatizaron entre eles. Proba diso hóuboa en Lisboa, na Baixa, no xantar que seguiu á presentación dun libro. O editor Sá da Costa xuntara a Rodrigues Lapa, Carvalho Calero e Guerra da Cal con amigos e admiradores. O tema da conversa era -como tiña que ser- a cultura común galaico-portuguesa, e o esforzo do profesor Lapa por recoller no seu texto sobre o estilo literario os principais autores galegos. Foise facendo repaso destes e ao chegar a Cunqueiro, Ernesto Guerra da Cal mostrouse críptico, nun ton agresivo: «O Cunqueiro inventou um prato e viveu toda a vida disso». Calquera que coñecese as afeccións do mindoniense podería ter pensado en descubertas culinarias; mais a cousa era de narrativa: o realismo máxico. Guerra, ferrolán intransixente, republicano antifascista, home de acción «com a pistola na mão», desdeñaba o personalidade de Álvaro Cunqueiro, «empregado de franquistas». Levado da súa paixón, tentaría logo rebaixar o valor do invento cunqueiriano. Días despois deste acontecemento, Ramón Piñeiro, tan bo coñecedor de Guerra e Cunqueiro, aclaraba na luz clara da súa galería compostelá algo de capital importancia para que os asistentes ao xantar lisboeta formasen criterio: cando Merlín e familia xa estaba escrito, revisado e preparado para ir ao prelo, Cunqueiro recibiu razoadas recomendacións de traducir a obra «que prometía ser impactante naquela España sen talento dos 50». Pero o supostamente voluble autor de fantasías dixo que non. Que en galego; que, se gustaba, xa se traduciría... Sexa o 2005 un ano de xusto cincuentenario. Fágase xustiza ao xenio, e á conciencia de nación literaria (parte da nación total). E tomen nota os que nunca han chegar ao cincuentenario nin escribindo en castelán: a Literatura sempre estivo por cima dos idiomas.