CORRÍA RÁPIDO, querendo facerme maior a bocanadas de Celtas ou Peninsulares. Mediotriste, tamén, porque no balcón os Magos non deixaran o Scalextric que eu reclamara por carta. Os meus amigos estrenaban un camión basculante sobre o que subía: plumas na cabeza e un arco con frechas de goma. Daquela non estaba de moda a estupidez e non era noticia a reconciliación de Pipi y Terelu (creo que son dous famosos que se separaron e, oh, regresan). Talvez estaba de moda a estupidez, pero nós non o sabíamos. No televisor branconegro saía un General de infausto recordo que inauguraba pantanos e marcos incomparables. No meu corazón reinaban os indios (esta teima de ir sempre ao revés) e unha morena que vivía nunha ventá que nunca me miraba. Na literatura aínda respiraban Torrente, Cela, Cunqueiro, Otero. O día seis de xaneiro eu era feliz na miña mediotristeza sen Scalextric. Pero tamén era feliz o cinco, o catro, o tres... Agora cústame máis. Pero miro atrás e sóbrame valor para que non me importe a reconciliación de Pipi y Terelu. Para pedir a Baltasar que nesta tempada intente borrar aos imbéciles da máxima audiencia: da televisión, da vida. E o Scalextric, queridos Reis, deixámolo para outro ano. Como sempre.