BRINDEMOS este aninovo pola aprobación, ¡por unanimidade!, da lei contra a violencia de xénero. A palabra xénero provoca receos. O concepto de xénero trata de desmontar o determinismo biolóxico do feminino e masculino. A noción remóntase ao cartesiano Poulain de la Barre no século XVII cando afirma que a desigualdade social entre mulleres e homes non é natural, senón socio-política. Na Ilustración, autores como D'Alembert, Condorcet, Mme de Lambert, Olympe de Gouges, Mary Wollstonecraft¿ defenden a igualdade entre os sexos. Stuart Mill, no XIX, contribúe a desmontar ideolóxicamente os prexuízos sexuais e, xa no século XX, Simone de Beauvoir explica o concepto de xénero coa coñecida frase: non se nace muller, chégase a selo. Ningún destino biolóxico nos define. A civilización elabora iso que califica de feminino . O xénero como construcción cultural é unha categoría central da teoría feminista introducida xa nas ciencias sociais. Os prexuízos con esta palabra son sospeitosos. A noción de xénero culmina coa idea, en palabras de Kate Millet, de «o persoal é político» que abre ao espacio da política problemas novos, neste caso os malos tratos. O día, finais do ano 1998, que saltou este tema nas cabeceiras dos xornais eu formulei: xa está. Sabía que cando ese horror saíse do espacio privado estaría en vías de solución. A idea liberal do privado defende que os individuos autónomos actúan libremente e, así, teñen un círculo protector de impunidade. É persoal, íntimo, particular e inviolábel polo Estado porque é un brazo do Estado. No privado, a forza masculina é invisíbel e a agresión é interpretada como consentimento das mulleres. Para as mulleres, a medida da intimidade é a medida da opresión. Por iso o feminismo tiña que facer explotar o privado como doctrina legal. Agora temos unha lei e o problema é público, atinxe a toda a sociedade. A responsabilidade xa non é dunha individua que consente , senón colectiva. Entrará o aire libre en cada casa e limpará as conciencias. Beneficiará a toda a sociedade.