O triángulo

OPINIÓN

ANO ELECTORAL en Galicia. Os augures sosteñen que o cambio é posible logo de catorce anos de goberno popular. A análise é simple: Fraga repetindo como candidato simboliza a incapacidade popular para definir o seu propio futuro. Por elo, os seus votantes asumirían que os seus intereses non ían ser ben defendidos. Irían na busca doutro partido ou da abstención. A estratexia dos partidos abanea en función do seu papel na política galega segundo o paradoxo do triángulo. De acordo con el o Partido Popular precisa manterse como hipotenusa do rectángulo, mentres que socialistas e nacionalistas teñen como obxectivo o triángulo equilátero ou mesmo o isósceles. Neste caso a lideira empeza por ver cal deles é o lado desigual. E sobre deste paradoxo, corren de vez as estratexias políticas para a cita electoral do 2005. A idea central é a marxinación de Galicia. Sempre polos poderes de fóra, e na que os propios non teñen responsabilidade. Mesmo aqueles que son goberno en tempo ilimitado. Os populares teñen sempre a tentación de intercambiar papeis fronte desas responsabilidades, e así segundo quen sexa o goberno de España -propio ou alleo-, cargan ou eximen a citada responsabilidade. Con rebumbio de propaganda. Os nacionalistas mantéñense sempre no mesmo: gobernos de fóra son os responsábeis. Os socialistas confían na xestión salvífica dos seus cando están no goberno de España, mais os seus por veces semella que non acaben de saber aquelo que queren os socialistas galegos. De tal enredo acaban os socialistas por seren -con razón ou sen ela- un elemento central da marxinación na percepción social. Un enfeitizo. Diante de tal simplicidade a política está predifinida: os meus son quen mellor resolven o problema galego. Ou ben, no caso nacionalista, en canto sexamos imprescindíbeis para o goberno de España, tiraremos mellores resultados para Galicia. E senón se chega a tal, política de salvación nacional: unidos por Galicia, inda que non se saiba en qué. Diante dunha política tan envellecida como a propia terra, pregunto si serán moitos, cando menos tantos como o 14 de marzo, quen se manteñan de votantes activos chegado o 2005. Porque, mais aló do triángulo no que acabemos, un gustaría de saber qué Galicia, qué economía, qué sociedade, nos axudarán a facer.