A persistencia das formas

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

A DIFICULTADE coa que nos atopamos para recuperar a memoria antes do fatídico ano 1936 no que se detivo a historia, é que pasaron 40 anos de aquela data, período no que estivo prohibido, en xeral, escribir a historia do século XX, como non fora para denigrala, mentila e condenala. Eses 40 anos condicionaron a dúas xeneracións das que aínda vivimos algúns, que seguimos sendos deudores do franquismo, uns máis que outros. Esto é normal e a responsabilidade non está nos individuos que resultamos ser, senón nos materiais moldeables dos que estamos feitos e que non dan para máis. Eu recoñezo en min que son suxeto da persistencia das formas. Cando se proclama a II República no ano 31 eu ía para os 11 anos e no pouco máis de cinco que durou a República fíxenme como son, igual que os republicanos que estiveron no exilio, e aceptamos sinceiramente como a única solución posible para os problemas de España a monarquía arbitral que nos ofrecía o rei Juan Carlos e que hoxe parece verse continuada no futuro con esa simpática parexa dos Príncipes de Asturias. A Estas alturas, un retórcese a cabeza pensando que poderiamos ter unha República presidida por Bush ou algún dos seus adláteres, pois esto é unha lotería. Aceptando as contradiccións polas que pasamos, pois non hai outras portas, aprécianse claramente hoxe en nós formas xeneradas nos 40 anos do franquismo, logo de que pasaran máis de 25 anos da morte do xeneral Franco, e non só nos elementos conservadores, nos que por lóxica e outras andrómenas tense que notar máis, tamén nos individuos que amosan o seu progresismo, socialismo, esquerdismo, os restos do franquismo fanse evidentes, e así se entende que moitas das aberracións formais que se fixeron nos 40 anos as teñan como normais pois non as ven. Esta realidade hai que asumila como é, separando o respecto que os humanos temos que ter os uns de outros aínda que non pensemos, afortunadamente, o mesmo e discrepemos radicalmente das ideas sociais, políticas e económicas. Cóntase que meu pai exerceu de paivant na contrarrevolución portuguesa (gardo unha fotografía de don Jaime de Borbón cunha dedicatoria ao meu proxenitor na que gaba a súa «bizarra conducta en la noche del 4 de julio de 1912»). Curiosamente, Paiva Couceiro defendeu a República española durante a Guerra Civil, e meu pai pagou un alto precio por ser republicano e galeguista. Pode que por acó sendo un notorio inconformista decidín afiliarme como conservador-libertario. O certo é que eu tiven que vivir unha parte da miña vida no franquismo, e nesta parte coincidín ter bastante relación coa muller de Franco no centro onde traballaba, por unhas razóns que non veñen ao caso, e cando ficou viuva escribinlle para que soupera que onde eu estaba sería recibida con máis atencións que as que deica entón tiveramos con ela, pois a discrepancia ideolóxica que eu poidera ter co que ela representaba non podía ser impedimento para lle negar, por oportunismo, o trato humano que tiveramos. Pola contra, o que si me molesta é atoparme aínda hoxe coas aberracións que se materializaron en pedra e en conceptos verbais que tomaron forma no franquismo. Con este galimatías de ideas deixamos este ano cunha feble esperanza sobre o 2005.