Nadal

FRAN ALONSO

OPINIÓN

CADA VEZ máis, o Nadal convértese en paradigma da voráxine das sociedades consumistas occidentais, aumentando de forma obscena o contraste do nivel de vida entre os países desenvolvidos e os países empobrecidos. Durante estes días, as urbes transfórmanse nun grande mercado onde xa apenas queda espacio para nada máis. Ningunha actividade cultural logra público, ningunha acción política ten eco, ningún debate atopa oco. Coa frenética antesala da lotería, onde cada individuo deposita a súa cega esperanza en facerse definitivamente rico, chega o Nadal para arrebatarnos a alma sen concesións. Nas cidades, o tráfico faise infermal, e as rúas énchense de papanoeis, que se multiplican, clonándose a si mesmos para representaren a múltiples firmas comerciais; e os populares Reis Magos, nunha demostración de versatilidade sen precedentes, visitan incansablemente os centros de ensino, os espacios lúdicos e as zonas comerciais, para atender e falar cos cativos, rompendo así a tradicional erótica dun mito que só era parcialmente visible durante a cabalgata da noite de reis. O gasto por individuo e por familia ascende até límites insospeitados, o despilfarro instálasenos no corazón en nome da paz, e desde o frenesí decorativo das luces omnipresentes unhas voces marmurian esa incesante invitación ao consumismo, que tan ben comprendemos. Precisamente no seu nome, no do consumismo, non sei se co obxectivo de perpetuar o noso estatus social, ofrecémoslles aos máis pequenos, coma se dun rito iniciático se tratase, moitos máis obxectos dos que ás súas idades están preparados para asumir, materializados baixo a superflua apariencia de xoguetes. E durante todos estes días, os nosos estómagos ténsanse até os límites da súa flexibilidade porque estas datas, baleiras de contido, atopan no hedonismo gastronómico unha excusa perfecta para o reencontro familiar. O Nadal forma parte hoxe deses ciclos rutinarios que, sobre todo, constitúen un excelente motor económico e unha importante porción de negocio, xa que, como festa, o seu espírito retornou de xeito inexorable as súas orixes paganas, aquelas que celebraban o solsticio de inverno, aínda que, iso si, mostrando agora o tremendo despiste dunha sociedade sen demasiados referentes e en voraz estado de transición. Sen dúbida, un tempo apaixonante para os sociólogos.