SE CADRA non está a ser valorado na súa xusta medida, pero o veto promovido polo BNG aos orzamentos do estado é un feito de grande importancia. E non o é só polo simbólico acontecemento de que sexa a primeira vez que tal cousa sucede na historia da democracia española. Éo, sobre todo e en primeiro lugar, porque reforza considerablemente o liderato dun Anxo Quintana hábil e capaz, que, agora si, parte desde un posto de saída moi ventaxoso para as vindeiras eleccións autonómicas. O veto mostrounos un Quintana con voz firme e ao tempo integradora, que lles ofrecía aos outros partidos políticos a posibilidade de conformar, entre todos, unha voz única e unánime no debate sobre as infraestructuras para Galicia. Isto sucede, ademais, nun momento en que o seu liderato está a se reforzar de xeito importante, tal e como reflectían as enquisas publicadas por La Voz de Galicia que o situan como un dos líderes mellor valorados do país. Éo, en segundo lugar, porque o veto dá conta pública, por fin, das posibilidades de manobra do nacionalismo galego en Madrid ante as diversas estructuras do estado. Aínda sen ser unha forza política chave no Parlamento español, o BNG de Anxo Quintana logrou enviar desde o Senado un importante sinal de aviso ao equipo de Zapatero (ao que votara favorablemente na súa investidura), deixándolle a mensaxe de que a presenza institucional do BNG pode converterse nun feito cargado de relevancia. Éo, en terceiro lugar, porque o veto, aínda que finalmente non consiga o seu obxectivo de modificar os orzamentos do estado a favor de Galicia, reflexa o sentimento e a opinión da maior parte da cidadanía galega, cidadanía que observa con decepción como o goberno do PSOE incumpre as súas promesas de dotar o noso país cunhas infraestructuras necesarias e imprescindibles para iniciar con bo pé o novo século, logo da catástrofe do Prestige. Así que despois do veto que o Anxo Quintana foi quen de promover no Senado contra os presupostos do estado e observando as importantes expectativas de recuperación que as enquisas anteriormente citadas lle outorgan ao BNG, non hai dúbida de que o novo líder do nacionalismo galego, co seu talante dialogante e o seu empeño na defensa dos intereses de Galicia, ten grandes posibilidades para impulsar un necesario e osixenante cambio de goberno en Raxoi e San Caetano.