NO ALTO MAR, latitude de Lisboa, a bordo do Juan Sebastián Elcano . Rico vento, velas cheas, golfiños a xogar cortando proa. Na cuberta soleada fiábase conversa, da Historia ao presente. No século XVIII sentárase a doutrina: poder naval é poder mundial. Daquela un navío precisaba de oitocentos homes para o gobernaren con xeito e proveito; e unha fragata, trescentos. Nese intre as levas eran continuas, e todo mozo que se soubese manter de pé nun convés corría perigo de ser raptado para o servicio de El-Rei. Foran tempos duros, e potencias mariñas que o foran (Suecia, Holanda, Portugal) ficaban diminuídas por razóns demográficas. Os accidentes abordo e o escorbuto arruinaban as dotacións, que aínda habían soportar as funcións de guerra . Para España, a función final -Trafalgar- veu demostrar o efecto da falta de homes especializados. Inglaterra triunfou porque soubo coidar a profesionalidade dos seus mariños... Cento noventa e cinco anos despois, a bordo do buque escola da Armada de España falábase do problema da falta de tripulantes. Noutros cinco anos -prognosticaba un experto- a Armada había entrar en crise: os barcos non ían poder saír de porto como non se enrolasen estranxeiros. E un barco de guerra xa non é un casco podre entregado á veleidade dos ventos senón unha marabilla tecnolóxica autónoma, na que a electrónica supera todos os gastos. Pero algo falla. Non aparecen rapaces chamados a serviren na Mariña, que os pode converter en técnicos no pico da onda mentres ven mundo. Se cadra candidátanse para a policía, con moito risco e pouca tecnoloxía; ou mesmo para servicios de seguridade privada. Pero facer país navegando... Na latitude de Lisboa, baixo as velas que o vento enche, españois vellos levantan a vella queixa de que «España, sendo nación marítima, non se sabe gobernar coma tal». Pena foi que Filipe IV non levase a capital para a ribeira do Texo caudaloso. O Manzanares, coa súa secura, seca a consciencia de mar.