ESTES DÍAS estiven na casa lendo a Leiras Pulpeiro. Leiras era de Lindín por parte de pai e de Foz por parte de nai, pero viviu sempre en Mondoñedo. Alí naceu e alí exerceu a súa profesión de médico, e como escritor foi valorado sobre todo pola súa profunda comprensión do popular, e polo seu amor á fala. Eu imaxínome a Leiras sentado na súa consulta de médico, descansando despois dunha longa xornada e escribindo coas mesmas mans cansas de apalpar nas vértebras e nos estómagos dos seus pacientes. Leiras tiña a cabeza poboada de fraseoloxía popular, dese verbo animado das xentes desta comarca mindoniense, e cando se sentaba a escribir iso era o que lle saía: o xenio da xente de aquí, á que el coñecía ben. Cando o propuxeron para ingresar na Real Academia da Lingua, humildemente rexeitou tal honor, pois nunca el se considerara máis que un amante e un aficionado das letras. Na cama, pola noite, leo a Castelao. Conferencias que pronunciou Castelao en Cuba. Nunha delas fala de Valle cando este xa morrera. Chámame a atención a admiración que se lle profesa a Valle e o pouco que se representa nos teatros de Galicia. O que Castelao admira neste autor é esa cualidade de ser caixa de resoancia da idiosincrasia da súa comarca. Pola mañá leo un artigo de Juan Lodares (Lengua y patria. Sobre el nacionalismo lingüístico en España. Taurus. 2002) e nel tírase a conclusión de que as linguas acaban sempre por ter unha presencia no mundo equivalente á súa capacidade económica, é dicir, ao mercado que xeneren por elas mesmas como linguas de intercambio. Nas porcentaxes que este autor manexa os galegos somos aínda mayoritariamente galego falantes. En proporción, fálase máis galego en Galicia que catalán en Cataluña e vasco en Euskadi. O galego é resistente como lingua, está arraigada na freba popular, pero non tén a proxección económica que tén o catalán. É dicir, non hai tantos empresarios galegos en Xapón, en China, en EE.?UU. abrindo mercados e tendendo pontes entre a economía, a cultura e a política autonómica. Ben é certo que todo se constrúe, pero sen ese empuxe económico e sen esa ponte nada se sostén. A medio día vou cos pícaros ao peirao dar unha volta. Atópome co pai dunha amiga miña, que me di que me ve no xornal pero que non me le: non hai no seu comentario unha migalla de reproche, senón máis ben de pena. Hai toda unha xeración, a dos nosos pais, que non foron educados para a lectura e moito menos en galego. O pai da miña amiga, galego falante ata a médula, axiña rectifica: é só o costume, di. Si. É costume pero tamén é moitas outras cousas. A máis importante é esa identificación do castelán como lingua de futuro, máis funcional. É unha identificación básica, a mesma que teñen os pais dos alumnos que consideran o galego como algo redundante e innecesario. Pero cando eu escribo en galego no xornal fágoo por pracer. Esta é a miña lingua, e nela enténdome cos meus pais e os meus fillos. Tamén podo escribir en castelán, e incluso vivir do castelán como de feito fago, pero non creo que sexan os escritores os xeradores do idioma, senón o pobo que nos sostén. Cando eses galego falantes produzan riqueza, cando haxa galego falantes nos cumios das empresas, que traballen polos seus.