FOI MOI emocionante. O escritor e os seus lectores. A vida enteira adicada ás palabras: ao amor e cuidado das palabras, para que signifiquen o que queremos que signifiquen; ou o que neste caso é o mesmo: a vida enteira entregada á limpeza e á dignidade das ideas, que é a limpeza e a dignidade da condición humana. O público, posto en pé, aplaudía enlouquecido, case tan emocionado coma o escritor, a súa aparición na platea do teatro: miúdo, de fasquía tan fráxil, medio escondido detrás dos seus lentes escuros, mentres dende as bancadas populares outras voces berraban: «¡Maestro! ¡Gracias, maestro...!». Non sei como sería a homenaxe multitudinaria que vai facer agora cen anos a cidade da Coruña adicou ao noso poeta nacional, Curros Enríquez, cando pouco antes de morrer arribou por derradeira vez a Galicia. Daquela houbo tamén aplausos, coroas de loureiro e discursos, nun marco parecido. Contan as crónicas que o acontecemento tivo moito de apoteósico. Mais non creo que a fortuna me dea outra oportunidade de asistir a un acto de tanto amor e de tanto entusiasmo, de tanta admiración e de tanta declarada gratitude coma o que o pasado 21 de novembro a cidade arxentina de Rosario adicou a Ernesto Sábato, o autor de Sobre héroes e tumbas , que acaba de cumprir 93 anos e que acompañado de Elvira, a súa compañeira galega, devolvía os saúdos dende a palco, abraiado de emoción, estremecido. «¡Gracias, maestro...!». Pagou a pena viaxar ata á beira do Paraná só para asistir a un acontecemento destas características: a declaración de amor que os lectores adicaban ao escritor arxentino (e universal), realizada dende as letras españolas coa participación da diversidade das voces todas da Iberia plural, deste lado e daquel lado do océano, representadas na palabra amiga de José Saramago, que entre outras cousas dixo: «A democracia non pode nunca ser un punto de chegada. A democracia é un camiño que non remata nunca...», aludindo ao compromiso cívico do autor, compromiso que Sábato asumíu dun xeito especialmente significativo na difícil (e se cadra aínda non cerrada) transición da ditadura militar arxentina ás liberdades democráticas. Sospeito que tamén era iso o que aplaudía a xente nas plateas do teatro Círculo durante a clausura do III Congreso de la Lengua Española, ademais da admiración pola súa obra literaria. Ás veces, o escritor (o dono das palabras) logra encarnar dun xeito especial o sentimento e a alma colectiva do súa patria (os seus lectores). Penso no traslado dos restos de Rosalía de Castro dende o cimiterio de Adina, en Iria Flavia, ao Panteón de Galegos Ilustres, por exemplo, acompañados tamén dunha multitude emocionada. Ás veces, o escritor asume a voz da dignidade colectiva dun xeito que vai máis alá de si mesmo e que o trascende. A Palabra (con maiúscula) adquire daquela todo o seu significado. Nada nos representa máis nin mellor que a Palabra. Nada nos dignifica máis que a valentía da Palabra, pronunciada dende a liberdade, dende a forza que dá a voz compartida (solidaria) e o pensamento libre (non escravo), contra a ignominia e a barbarie. Tal era a xigantesca dimensión que ofrecía a todos a figura miúda e fráxil de Ernesto Sábato aquela mañá, en Rosario. Ao meu carón, rapaces e rapazas universitarios e mesmo de institutos de ensino medio, cos libros do escritor debaixo do brazo, declaraban emocionados que, alén das sesións do Congreso, tan oficiais e alleas a eles, aquel era o seu acto: a grande despedida ao mestre, a súa declaración de amor, pública e clamorosa, pois non sabían dicila doutra maneira, e acaso non tivese outra ocasión de ofrecerlla. Para os que ás veces se preguntan por qué escribimos: esta (non outra) é a verdadeira razón de ser da literatura.