OS HOMES e mulleres son un ben escaso. E aquelo que parecía profecía para lonxe, empeza a sentirse como realidade de hoxe. As profecías facíanse sempre dende o medo ó futuro. Era a parábola das pensións para cando vellos. Mais a realidade de arestora indica que escasea a man de obra para hoxe mesmo. E si polo de agora, dado o comportamento do paro en Galicia con taxas mais elevadas que aquelas de España, esa escaseza de recursos humáns aínda non se percibe, e mesmo pode parecer que hai excedente, debese mais á febleza da nosa evolución económica, que ó feito de que os recursos humáns sexan quén de sosteren o país. Pois aínda que o saldo migratorio é positivo cando se fala estranxeiro-Galicia, no é posible esquecer aquel negativo có resto de España. Sabemos hai tempo da comprometida situación cara a que camiña a nosa sociedade polo escaso crecemento demográfico que temos. E nelo abondou recentemente o ex ministro Manuel Pimentel. A súa intervención, reflexiva, permítenos esculcar no futuro do país e saber dos retos que temos por diante. Pois si hoxe a reivindicación se centra na permanencia da aportación dos fondos europeos, é obvio que eso non abonda para acadaren unha nova realidade económica. Basta saber que o reclamado exemplo irlandés, non garda estreita relación coa percepción deses fondos senón, amais, cuns outros factores que explican o elevado crecemento e transformación da sociedade irlandesa. E son eses outros factores, debilidades históricas da nosa economía e da nosa sociedade, quen comprometen o futuro do país. Mal fan políticos e gobernos por non abordaren o porvir con seriedade, mais non esquezan que non vai por tras a nosa sociedade. Mágoa de non ver reinvidicar ás nosas organizacións empresariais tamén contra da visión de Galicia -aí non hai negocio- que mantén a súa patronal CEOE cando fala de infraestructuras. Porque aceptando ese diagnóstico e esas prioridades, os problemas derivados da escasede de homes e mulleres se multiplicaran, mesmo para as empresas. Pois a España de mais negocio , tamén tocada do mesmo mal, contribuirá a drenármonos á nosa mocedade, sobranceiramente a mellor formada. O país, daquela, seica seguirá a medrar. Balnearios, turismo rural, televisións. E moitos, infindos, camiños a Santiago. ¿Qué mozos os andarán?