«Why reason?»

OPINIÓN

13 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ROMA. Dous españois vagan á procura dun indirizzo . Un deles, ex alumno do Istituto Italiano de Madrid, residente en Milán durante anos, diríxese á xente nunha lingua dubidosa, media castelá, media italiana. O compañeiro, farto dese capricho, pregúntalle por que o fai e o histrión respóndelle «Porque así me hacen más caso» ... Os pobos civilizados tentan facilitar ao estranxeiro a vida entre eles, polo que fan esforzos de comprensión. Pero todo ten un límite. Levando o asunto aos termos telemáticos en que persoas e máquinas se unen na mesma condición, para que o ente receptor perciba debidamente a mensaxe cómpre que o emisor se ateña a determinadas regras de fonética, sintaxe e semántica. Cando o emisor se afasta delas en exceso, a intelección é nula. Todo o anterior vale para un recente episodio da vida do profesor Aznar López. Unha frase súa tería deixado pampo calquera ordenador programado para interpretar a fala, deixou en xaxún os anglopensantes que o escoitaban e só foi entendida por quen é capaz de pensar tanto en castelán como en inglés. « Why reason?» preguntaba o convidado en Georgetown. O mestre da política internacional quixera dicir «¿Por que razón?» sumando Why ao substantivo, ignorando a construcción correcta, For what reason? , máis doada e semellante á castelá. O disparate lingüístico foi mundial. Mais, dentro de tanto quero e non podo do ex supremo (tan ben recibido polo seu friend George), cómpre admitirlle afouteza, que mesmo lle recoñece o ex aspirante a sucedelo, un Rato de pronuncia inglesa sen concesións á desculpa dos anglofalantes. «José Mari está lanzado», di el. O que se debería calcular é cara a onde se lanza. Por Bruxelas correu o rumor de que se retiraba para retornar como o primeiro presidente da Terceira República Española. Parece un chisquiño esaxerado, pero con tanta valentía, con tan pouco medo escénico, dá para sospeitar: se molla así o traseiro é porque tenta apañar algún peixe substancioso.