A SITUACIÓN non é cómoda, dende logo. Unha cousa é estar na oposición, reclamando xustiza e axitando aldraxes, e outra ben distinta asumir as responsabilidades, as limitacións e mesmo as contradiccións que todo goberno implica. Hai uns días, un bo amigo do PSOE intentaba convencerme de que as cifras que a Administración socialista, presidida por Rodríguez Zapatero, presenta para Galicia no orzamento do 2005 non só son as mellores da nosa historia contemporánea senón as únicas posibles, fóra as demagoxias propagandísticas con que intentou convencernos o PP. Pois a demostralo. E a explicarllo á cidadanía, con claridade e taquígrafos, porque as cousas son (teñen efectos sociais) segundo se perciben, e o que a cidadanía galega está a percibir nestes momentos é que o Goberno socialista en Madrid non está á altura das demandas obxectivas que a poboación reclama (e que os propios socialistas galegos ata hai uns meses asumían). Van alá dous anos dende a xornada amarga do Prestige . Non deberiamos perder a memoria. Entre outras cousas porque, queirámolo ou non, os graves acontecementos daqueles días activaron un movemento de carraxe e dignidade colectiva, mesmo de autoestima na sociedade galega, crecida diante da catástrofe, como poucas veces se ten producido. E desgraciadamente necesitamos esas reaccións. O famoso Plan Galicia, que algúns denunciamos dende o principio coma unha estratexia de propaganda que había que concretar e cuantificar orzamentariamente nas contas do Estado (cousa que nunca se fixo por parte do PP, daquela no goberno), presentouse coma unha grande operación compensadora, unha especie de saldo da débeda histórica que, por fin, España e os seus gobernantes ofrecían a Galicia, non tanto polo sufrido na marea negra senón polo que viña de atrás: infraestruturas pendentes, novas liñas de desenvolvemento, transportes, sistemas de prevención e seguridade nas costas, investimentos sectoriais, actuación nas comarcas deprimidas, apoio á investigación, etcétera... As reviravoltas da vida, que ten estas cousas, non sempre previsibles, fixeron que en relativamente pouco tempo aqueles que prometían dende o Poder (o PP) pasasen a prometer dende a oposición, e en termos estrictos de imaxe a xogada é perfecta: eu anuncio un miragre (pinto un escenario marabilloso) e esixo logo a outros que cumpran o que eu anunciei. ¿Comprometín no seu momento as contas, os recursos e o calendario necesario para que tal prodixio se producise? Non. Pero o prodixio está xa instalado no imaxinario colectivo (outra aldraxe) e o que veña detrás que apande, que para iso leva agora a dianteira. En Santiago e noutras cidades galegas, en decembro do 2002, ou en Madrid e Bruxelas, meses despois, estaban (tamén) os dirixentes do PSdeG-PSOE, e mesmo o presidente Rodríguez Zapatero, xunto con outros socialistas solidarios, detrás das pancartas do Nunca Máis, acusados polos gobernos da dereita (dende a Xunta e dende Madrid) de desestabilizadores, carroñeiros e oportunistas, cando non de terroristas. O Plan Galicia (orzamentado ou non) xurdiu daquela reacción popular, rexa e mobilizadora. Algúns dos que antes reclamaban, agora fican calados. Os que antes non admitían mecanismos de control (por demagóxicos e innecesarios), esixen arestora comisións de investigación e intervencións parlamentarias. Os que hai dous anos impoñían o silencio nos medios de comunicación públicos, demandan transparencia informativa e debates. Non é doado explicar á cidadanía tanta xogada fina, francamente. A pregunta de fondo segue sendo a mesma; ¿que sucedería se agora, dous anos despois, volvese a embarrancar diante das nosas costas un monocasco cargado de chapapote coma o daquela noite?