Entre Bush e Kerry

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

OS ANALISTAS non se poñen de acordo. Unha vez máis estamos diante da botella medio chea ou medio baldeira, segundo queiramos vela. ¿Perdeu John F. Kerry as eleccións norteamericanas ou gañounas George W. Bush? ¿Era tan previsible que Bush as gañase, dispoñendo como dispoñía dos mecanismos do poder, que na sociedade e no sistema USA contan tanto como contan aquí? ¿Non estaba abondo gastado? ¿Por que o candidato demócrata non deu capitalizado o descontento, mesmo o desacougo da sociedade norteamericana diante da guerra de Iraq, os abusos contra os dereitos humanos, os soldados mortos, os civís masacrados, as mentiras, as manipulacións, Guantánamo, os escándalos económicos que rodean a ocupación militar e que a prensa xa non disimula, os erros de planificación, o calexón sen saída, o escaso apoio ou a incomprensión internacional...? ¿Tan autista, tan radicalizada, tan asustada está a chamada Norteamérica Profunda ? ¿Tan fundamentalista (premoderna) se manifesta? Os meus amigos en Washington e Nova York tampouco se dan aclarado, advirto. Posiblemente porque Washington e Nova York son unha parte do Todo, e o Todo, cando respira e reacciona, é outra cousa. En definitiva, ¿gañou Bush ou perdeu Kerry? E postos a tirar leccións prácticas dos acontecementos, algo que pola boca grande ou pequena todo o mundo está a facer (empezando polo expresidente Aznar dende as páxinas do The Wall Street Journal ), ¿como nos aplicamos o conto? Nas autonómicas galegas, por exemplo, que están aí. ¿Pensamos na posible derrota de Fraga ou traballamos a victoria da oposición (incluída a acción común necesaria entre o BNG e o PSdeG-PSOE)? ¿Debe a oposición limitarse a agardar sentada a que o PP se gaste, se autoinmole, queime a pólvora nas guerras intestinas (poñéndolle acaso unhas pingas de Prestige enriba, outras pingas de recordo das vacas tolas, outras pingas de estatísticas comparadas coas medias europeas, etcétera) ou os cidadáns galegos temos dereito a algo máis: un programa claro, de acción unitaria, coherente e posible por parte dos partidos que aspiran a ocupar as cadeiras de San Caetano? Gañou Bush, porque tiña mensaxes claras e moi directas, mesmo de carácter emocional, cando non traumático, que a poboación entendeu de primeiras e sen reviravoltas (a poboación do común, sobre todo). Perdeu Kerry porque entre a inconcreción programática e o distanciamento intelectual, entre a dúbida metódica e a falta dunha iniciativa clara, arrastrado case sempre ou polos acontecementos ou polas iniciativas do Goberno (incluidas as iniciativas que resultaban erros), entre o medo a arriscar (por medo a perder) e o medo a apostar de verdade (máis alá de discursos retóricos e de principios éticos de manual), acabou transmitindo inseguridade e, coa inseguridade, falta de convicción, falta de fe no seu propio país (acaso en si mesmo), falta de liderado e de firmeza, falta de pulo, falta en definitiva de credibilidade, cuestión básica para que o goberno, ademais de perder as eleccións, deixe paso a unha alternativa posible. Tire cada quen as conclusións que considere.