A tolerancia ten límites

| MARÍA XOSÉ QUEIZÁN |

OPINIÓN

A IGREXA española está indignada por certas medidas tomadas polo Goberno. Os bispos fan declaracións enardecidas porque non aceptan limitar o seu poder ao eido privado da fe como xa lles indicara Cristo: A César o que é do César e a Deus o que é de Deus. Preocúpalles o laicismo gubernamental, pero en cambio non se inmutan polo avance do islamismo e mesmo favorecen a instalación de mesquitas. O malo é que esta mesma permisividade leva anos dándose nas democracias europeas, avalado polo «políticamente correcto». Contra a guerra de civilizacións promovida por Bin Laden, e tamén por Bush, en Europa deféndese o diálogo das culturas. O propio Zapatero cre que non hai que enlearse nunha Cruzada contra o Islam, e defende o pluralismo cultural. A sociedade española participa tamén destes criterios como se puido comprobar despois do cruel atentado do 11-M. Nada de racismo. Aquí, ser antiamericano, non só está permitido, senón que case supón unha obriga para ser de esquerdas; ser anti islamista pode ser calificado de xenofobia e racismo. Hai moita transixencia cos seus costumes, a súa relixión, os seus ritos. Do seu terrorismo evítase o nome: é «internacional». Servíndose da democracia, o Islam foi acadando poder gracias ao dominio enerxético, ás armas, perigosísimas nas mans dos suicidas-mártires, e á inmigración que se multiplica pola poligamia e a fertilidade das súas mulleres, escravas para concebir e aleitar mártires para a guerra santa contra os infieis. Gracias a esta tolerancia, os xefes islamistas levan tempo actuando no país, difundindo o odio contra os porcos infieis, nas mesquitas e nos cárceres onde se lle permiten oracións, xexúns e alimentación especial con cordeiro halal, sacrificado lenta e salvaxemente até que non lle quede unha gota de sangue. Un trato exquisito mentres fan proselitismo entre os delincuentes e preparan a voladura da Audiencia Nacional. Non debe tratarse como un asunto cultural e relixioso; é político e moi grave.